A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas á edición de obras en galego de difusión cultural, cun orzamento de 100.000 euros

A Deputación de Pontevedra abre este mércores 19 de febreiro o prazo para solicitar as axudas destinadas á edición de obras en galego de difusión cultural, unha iniciativa que este ano conta cun orzamento de 100.000 euros, 10.000 euros máis que en 2024.
Esta liña de subvencións está dirixida a entidades sen ánimo de lucro que desexen promover publicacións en papel, audiovisuais, formatos mixtos ou especiais, sempre que teñan como obxectivo divulgar traballos de interese cultural. O ano pasado, con esta mesma convocatoria, financiáronse un total de 28 obras.
Condicións da convocatoria
As axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a obras editadas en galego normativo, que non poderán ser distribuídas como suplemento doutra publicación.
As propostas deberán centrarse en aspectos relacionados coa provincia de Pontevedra, abordando temas como:
- Patrimonio material, inmaterial ou artístico
- Persoas e colectivos relevantes da provincia
- Recuperación da memoria histórica
- Fomento do patrimonio galego
- Igualdade de xénero e diversidade funcional
- Conservación do medio
Importe das subvencións
A contía máxima da axuda cubrirá ata o 70 % do orzamento total do proxecto, cun límite segundo o formato da publicación:
- Ata 3.500 euros para publicacións en papel
- Ata 6.000 euros para edicións audiovisuais e mixtas (papel + audiovisual)
- Ata 10.000 euros para formatos especiais de edicións adaptadas para persoas con diversidade auditiva, visual ou cognitiva
Á hora de conceder as axudas, valorarase a calidade técnica da proposta e a súa contribución á promoción e normalización da lingua galega.
Prazos e máis información
O prazo para solicitar as axudas estará aberto dende o 19 de febreiro ata o 19 de marzo. As bases completas e toda a información da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.