A Deputación activa dúas liñas de axudas de 300.000 € para fomentar o uso do galego

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este xoves a activación de dúas liñas de axudas por valor de 300.000 euros destinadas ao fomento da lingua galega, tras a aprobación dos recursos na Xunta de Goberno provincial.
Segundo explicou López, 200.000 euros irán dirixidos a apoiar os servizos de normalización lingüística dos concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades locais menores, mentres que os outros 100.000 euros se destinarán á edición de publicacións en galego promovidas por entidades sen ánimo de lucro.
No relativo ás axudas para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística, o presidente detallou que se distribúen en dúas liñas. A primeira está orientada á creación destes servizos, cun apoio máximo de ata 35.000 euros por solicitante. A segunda liña está destinada ao mantemento e reforzo dos servizos xa existentes, cun máximo de 25.000 euros por entidade beneficiaria.
Luis López lembrou que no pasado exercicio nove concellos da provincia beneficiáronse destas axudas, co obxectivo de avanzar na consolidación do galego como lingua habitual de traballo e de comunicación nos concellos e coa cidadanía.
En canto á liña de axudas para a edición de publicacións en galego normativo, dotada con 100.000 euros, a finalidade é impulsar traballos de interese para a provincia que recoñezan e difundan a cultura galega e contribúan ao enriquecemento do patrimonio bibliográfico provincial.
As bases establecen que se poderá conceder un máximo de 3.500 euros para publicacións en papel, 6.000 euros para pezas audiovisuais e 8.000 euros para proxectos mixtos, sempre que o importe non supere o 70% do orzamento total. O prazo para presentar solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.