A Deputación aproba un convenio co Concello de Cerdedo-Cotobade para mellorar a mobilidade peonil na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación do convenio de colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0407 Borela-Ponte Caldelas.
O acordo, aprobado na Xunta de Goberno provincial, conta cun orzamento total de preto de 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación asumirá o 70% (910.000 euros), mentres que o Concello de Cerdedo-Cotobade achegará o 30% restante (preto de 390.000 euros).
As obras afectarán a un treito de 365 metros co obxectivo de reestruturar o espazo público para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria no núcleo de Borela, onde actualmente o tránsito peonil se realiza sen espazos reservados. A solución prevista será unha plataforma única de lastros de pedra con prioridade peonil, delimitando claramente a circulación de vehículos e peóns mediante un itinerario seguro e cómodo.
O proxecto inclúe tamén a creación de zonas de estancia e puntos de encontro, áreas axardinadas, novas marquesiñas e a execución dun novo aparcadoiro na Casa da Cultura. Ademais, levarase a cabo unha nova rede de recollida de augas pluviais e a mellora de servizos como electricidade e telecomunicacións, que serán soterrados, xunto coa instalación dunha nova rede de alumeado público con luminarias LED de deseño.
3,1 millóns de euros para estradas provinciais
As actuacións na EP-0407 forman parte dun paquete de medidas por valor de 3,1 millóns de euros aprobado este venres na Xunta de Goberno da Deputación, que inclúe tamén os convenios cos concellos de Sanxenxo e Valga para impulsar proxectos nas estradas EP-9206 Portonovo-Vichona, na Rúa do Río, na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño.