A Deputación aproba un convenio co Concello de Sanxenxo para mellorar a seguridade viaria na EP-9206 Portonovo–Vichona e na Rúa do Río

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación do convenio de colaboración co Concello de Sanxenxo para executar o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9206 Portonovo–Vichona e na Rúa do Río.
O acordo, aprobado na Xunta de Goberno provincial, conta cun orzamento total de 923.000 euros, dos que a Deputación asumirá o 70% (646.000 euros), mentres que o Concello de Sanxenxo achegará o 30% restante (277.000 euros).
As obras afectarán a un treito de 190 metros do trazado actual da EP-9206, así como ao treito antigo coñecido como Rúa do Río, co obxectivo de reestruturar o espazo público para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria. O proxecto permitirá solucionar os problemas de inseguridade derivados do tránsito peonil sen espazos reservados, nunha zona con importantes focos de atracción como o Colexio Plurilingüe Abrente e núcleos de poboación como O Outeiro e A Igrexa.
No treito principal executarase unha beirarrúa mínima de 2,5 metros de ancho na marxe esquerda, crearase unha zona de estacionamento en liña e soterraranse todas as redes de servizos. Ademais, instalaranse novas luminarias LED de alto rendemento.
No treito antigo da Rúa do Río, o proxecto contempla unha zona de convivencia entre a PO-308 e a intersección coa rúa Barbeito, coa finalidade de acougar a velocidade do tráfico rodado nunha vía estreita con vivendas en ambas as dúas marxes. No resto da rúa habilitarase un só carril, sendas peonís dun mínimo de 2,5 metros e unha pequena zona de estacionamento en liña, ademais do soterramento de servizos e a colocación de luminarias LED.
3,1 millóns de euros para estradas provinciais
As obras na EP-9206 forman parte dun paquete de actuacións por valor de 3,1 millóns de euros aprobado este venres na Xunta de Goberno da Deputación, que inclúe tamén convenios cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Valga para impulsar proxectos nas estradas EP-0407 Borela–Ponte Caldelas, EP-8501 Valga–Os Martores e EP-8502 Valga–Baño.