A Deputación asinou convenios cos nove concellos con residencias de maiores polos que asume o custo dos centros

Carmela López recibiu no Pazo de San Marcos aos rexedores de Castroverde, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil e Trabada
sinatura-convenios-alcaldes-con-residencias-maiores
6 Mar 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asinou este venres cos alcaldes un convenio marco de colaboración para asumir o custo das residencias da institución provincial. Os rexedores de Castroverde, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil e Trabada firmaron na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos este documento, que asenta as novas bases de cooperación no que ten que ver cos Centros de Atención a Maiores (CAM) situados neses municipios.

“Hoxe damos un paso moi importante. Un paso que ten que ver con quen somos como institución e co que entendemos que debe ser o papel dunha Deputación no século XXI”, expuxo a Presidenta. Explicou que desde o 2019 a institución provincial asumiu de forma directa a xestión dos CAM, “fixémolo porque cremos que os servizos sociais son un dereito, non un negocio”, pero incidiu en que a Deputación é “unha administración eficiente, o que implica revisar, mellorar e modernizar os marcos de colaboración cos concellos. Iso é o que facemos hoxe cos novos convenios”.

Carmela López explicou que o compromiso da Deputación se traduce nun “alivio real e significativo para os concellos”, porque a institución provincial pasa a asumir “a diferencia completa entre o custo do servizo e o que pagan os residentes, sen trasladar parte da carga aos municipios”.

Nese sentido, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que acompañou á Presidenta durante a sinatura, puxo como exemplo que no 2024 o custo real de atender a unha persoa dependente nos CAMs da Deputación foi de 2.378,75 euros ao mes, asumindo o residente un máximo de 1.390. A diferencia era asumida nun 75% pola institución provincial e un 35% polos concellos, cun tope de 200 por usuario ao mes nos municipios de menos de 5.000 habitantes e un tope de 600 naquelas localidades con máis poboación. En termos absolutos, detallou Rivera Capón, os concellos afrontaron no 2024 un custe medio de 76.000 euros, e agora destinarán en torno aos 15.000 para gastos de lixo, abastecemento de auga e pequenas reparacións que non superen os 500.

“Esta é a nosa política”, defendeu Carmela López “que sexa a institución provincial a que absorba ese esforzo económico, porque temos os recursos para facelo e temos o convencemento, e porque os concellos máis pequenos da provincia de Lugo non poden afrontalo sós”. Fixo fincapé en que “os servizos sociais non se improvisan, constrúense con tempo, con investimento público e con vontade política”. Algo que a Deputación “leva anos facendo. Hoxe consolidamos ese camiño cun modelo máis sólido, máis xusto e máis sostible”.

No 2029 os concellos terán aforrado, grazas a este novo marco, entre 1,7 millones de euros no caso da Fonsagrada e 2,2 millones no caso de Ribadeo, que é o CAM da Deputación máis grande en número de usuarios. “Ese diñeiro queda nos vosos municipios, para as vosas prioridades, para poder atender mellor aos vosos veciños e veciñas. Porque entendemos que fortalecer a Deputación non significa debilitar aos concellos, todo o contrario, significa liberarvos de cargas”, explicou a Presidenta aos alcaldes.

Novas ordenanzas de acceso e prezo único

Entre as novidades máis salientables do novo marco xurídico, Carmela destacou unha nova ordenanza de acceso provincial, a norma que regula como se ingresa nos centros e “que reforza a regra de prioridade por veciñanza”. Precisamente, o documento –que terá que ser aprobado no Pleno- manterá a filosofía da normativa actual, que favorece a prioridade por proximidade xeográfica ao CAM, e axustándose ao modelo de atención que xa aplican as residencias da Deputación: benestar psicolóxico, vida social e relación coa contorna e a familia.

Nese sentido, argumentou a presidenta que “o modelo que construímos ten un nome: proximidade”, o que significa que “unha persoa maior de Castroverde, A Fonsagrada ou Ribadeo pode envellecer con dignidade preto dos seus, na súa terra, na súa contorna. Que non teñen que marchar lonxe cos novos convenios”. E puxo en valor que estes anos a Deputación coidou de 569 persoas a través dun modelo de atención “que non só se centra no benestar físico, senón tamén na mente e no vinculo de cada persoa coas súas orixes”.

Destacou ademais que a institución provincial garante “estándares homoxéneos de calidade en todos os centros, independentemente de en que municipio estean. E protexemos especialmente a quen menos ten, respectando sempre o mínimo vital”.

Detallou que tamén se elaborará unha ordenanza de prezo público que regulará a contía a pagar polas persoas usuarias. A cantidade que paguen os residentes calcularase tendo en conta tres cuestións: o custo real do servizo, a capacidade económica de cada persoa e o sistema actual de protección para as persoas en situación de maior vulnerabilidade. Un sistema que busca tamén que as persoas con ingresos máis altos contribúan máis ao custo do servizo.

A Deputación ten a día de hoxe 9 residencias en funcionamento das 18 proxectadas. As de Trabada, Pol e Ribadeo comezaron a funcionar ao longo do 2019 e en apenas catro anos puxéronse en marcha as outras seis. A da Fonsagrada abriu no 2020, Castroverde, Meira e Pedrafita do Cebreiro no 2021, Navia de Suarna no 2022 e finalmente Ribas de Sil no 2023. Ademais a institución provincial avanza na apertura da de Becerreá, ten en marcha as obras en Guitiriz, A Pobra do Brollón e A Pontenova; e continúa a traballar nos proxectos dos centros que se abrirán en Portomarín, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Pantón.

0.38488602638245