A Deputación de Lugo presenta en Vilalba o proxecto dunha aula móbil para a formación do sector forestal

O deputado de Promoción Económica e Social participou este venres na Asemblea Xeral de Lugomadera onde fixo o anuncio desta iniciativa pioneira
pablo-rivera-lugo-madera
12 Jun 2026

A Deputación de Lugo reforza o seu compromiso co sector forestal cun proxecto pioneiro que achega a formación ao propio lugar de traballo. O anuncio realizouno este venres o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, durante a Asemblea Xeral de Lugomadera, celebrada en Vilalba.

Para poder desenvolver este proxecto con este colectivo, que reúne a 270 asociados e asociadas, a institución provincial asinará un convenio coa asociación para a adquisición e acondicionamento dunha unidade móbil de formación, unha aula sobre rodas que permitirá achegar a capacitación profesional directamente ás explotacións e aproveitamentos forestais da provincia. O investimento total ascende a máis de 65.000€ dos que a Deputación achega 60.000€.

Durante a súa intervención no encontro, Rivera Capón puxo en valor o papel que desempeña o sector forestal na economía provincial e destacou a importancia de seguir investindo no coñecemento e na formación continua para afrontar os retos de futuro. “O principal valor de calquera sector está nas persoas que o fan posible. Por iso, apoiar a formación e a profesionalización do sector forestal é tamén unha forma de apoiar o futuro da nosa provincia”, sinalou.

O proxecto parte dunha idea “tan sinxela como innovadora”, detallou Rivera, cando explicou que se trata de “levar a formación ata onde están os profesionais. Fronte aos modelos tradicionais, que esixen desprazamentos a centros especializados, esta aula itinerante permitirá impartir formación directamente no monte, facilitando o acceso á actualización de coñecementos e á formación continua sen que a distancia ou a dispersión territorial supoñan unha dificultade engadida”.

A unidade móbil contará con aula portátil, ferramentas demostrativas e material audiovisual, e ofrecerá contidos adaptados ás necesidades reais do sector. As accións formativas abranguerán desde operacións forestais básicas, como apeo, desbroce ou poda, ata aspectos normativos, ambientais e preventivos. A seguridade e a saúde laboral terán un papel destacado, con formación específica sobre o uso correcto dos equipos de protección individual e a aplicación de técnicas de traballo seguro.

Ademais, a iniciativa incorporará unha campaña de sensibilización para promover boas prácticas na conservación da rede viaria provincial. Neste marco elaborarase e distribuirase un manual de boas prácticas dirixido ás empresas e profesionais do sector, que incluirá recomendacións técnicas e medidas preventivas para as operacións de corta, desembosque, carga e transporte de madeira, co obxectivo de minimizar o impacto sobre as infraestruturas viarias e contribuír á seguridade dos seus usuarios.

Rivera Capón destacou que esta actuación é un exemplo da colaboración entre a administración pública e o tecido produtivo para dar resposta a necesidades reais e contribuír ao fortalecemento dun sector clave para o desenvolvemento económico da provincia. “Queremos que a formación chegue ata onde está o traballo, facilitar o acceso ao coñecemento e contribuír a que o sector siga avanzando en profesionalización, seguridade e competitividade”, apuntou.

Coa posta en marcha deste proxecto, a Deputación de Lugo reafirma a súa aposta pola profesionalización do sector forestal, pola mellora da seguridade laboral, pola incorporación de novos profesionais e polo fortalecemento dun tecido produtivo esencial para a economía, o emprego e o futuro do rural lucense.

A conselleira aposta por una xestión forestal ordenada e sustentable

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou a aposta do Goberno autonómico por unha xestión forestal ordenada e sustentable que, afirmou, axuda a loitar contra o abandono. Fíxoo durante a súa intervención na Asemblea Ordinaria de Lugo Madera, que tivo lugar hoxe no concello lucense de Vilalba.

Neste acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; puxo en valor a relevancia do sector forestal e da madeira en Galicia, ao que cualificou como unha das grandes fortalezas económicas da comunidade.
Neste sentido, destacou o papel da provincia de Lugo neste ámbito, tanto pola súa capacidade forestal, a súa industria transformadora e a capacidade de xerar actividade ao longo de toda a cadea da madeira. Salientou tamén que Galicia se atopa nun momento decisivo da súa política forestal, xa que se está a consolidar un modelo máis ordenado, profesional e produtivo.

Seguindo esta liña, Gómez fixo referencia a diversas iniciativas impulsadas pola Xunta a prol do sector forestal, como o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, o Programa Estratéxico do Castiñeiro ou o impulso ás agrupacións forestais de xestión conxunta e á silvicultura produtiva, entre outros. Así, puxo de relevo a actual estratexia do Goberno galego, que pasa por avanzar cara unha mellor transformación industrial para xerar máis valor engadido no territorio.
Xa para rematar, lembrou o compromiso da Xunta en eidos como a sanidade forestal, a investigación ou a formación, que contribúen a consolidar o papel de Galicia como potencial forestal.

0.29079604148865