A Deputación de Ourense e a Asociación Provincial de Autoescolas impulsan un ciclo formativo exclusivo en Galicia

Actualmente, máis de medio cento de alumnos de toda Galicia e do noroeste peninsular están inscritos neste programa que busca garantir a remuda xeracional no sector
dep-ourense-autoescolas
11 Mar 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse hoxe con membros da directiva da Asociación Provincial de Autoescolas, encabezada por Luis Novoa, para analizar o traballo e as iniciativas do sector na provincia.

Neste sentido, o líder provincial destacou que ambas institucións están a impulsar un ciclo de técnico superior en formación para a mobilidade segura e sostible, unha oferta educativa que só se imparte en Ourense e que garante a “remuda xeracional” do sector, segundo explicou Menor. Actualmente, máis de medio cento de alumnos de toda Galicia e do noroeste peninsular están inscritos neste programa, con opcións de asistencia presencial ou semipresencial.

“Continuamos colaborando activamente no financiamento deste ciclo que ten dado excelentes resultados”, afirmou Menor, sinalando que o programa non só contribúe á remuda xeracional, senón tamén “á instalación de novas autoescolas e á que non existan listas de espera para sacar o carné de conducir como acontece noutros territorios”.

Durante o encontro, o presidente destacou o papel desta entidade “moderna, competitiva e que defende os intereses dos seus asociados”, que agrupa case a totalidade das autoescolas da provincia, e subliñou que iniciativas como o ciclo formativo que se está a impartir en Ourense son “pioneiras e exclusivas”.

0.34624195098877