A Deputación de Pontevedra aproba 3 millóns de euros para reforzar os Servizos Sociais Comunitarios Municipais nos 51 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes.

A institución provincial vén de aprobar unha nova remesa de fondos dentro do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais. Concretamente, serán 3 millóns de euros os que se distribuirán entre 51 concellos, dos cales 1,2 millóns servirán para financiar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e 1,8 millóns cubrirán os custos do persoal técnico e administrativo dos servizos sociais municipais.
“É o noso deber estar ao carón das persoas que máis o precisan”, sinalou o presidente da Deputación, Luis López, quen destacou que garantir o benestar social da veciñanza é clave para “que a provincia vaia a máis”.
Cada municipio recibirá unha contía adaptada ao seu tamaño e necesidades, con achegas que van desde os 22.000 ata os 110.000 euros. Entre os concellos con maior asignación destacan Poio (109.513 €), Vilanova de Arousa (104.248 €), Moaña (103.000 €), Mos (102.173 €), Nigrán (102.423 €) e Sanxenxo (101.683 €).
Esta iniciativa enmárcase na aposta da Deputación por reforzar os servizos de proximidade, especialmente no rural e nos municipios que carecen de grandes estruturas administrativas, reforzando así o tecido social e asistencial de toda a provincia.