A Deputación de Pontevedra aproba as contas para 2027, cun importe de 261,8 millóns de euros

O cuarto Orzamento do goberno de Luis López, que volverá entrar en vigor o vindeiro 1 de xaneiro, eleva tamén os recursos destinados a cultura, turismo e benestar social
pleno-deputacion-pontevedar
6 Nov 2026

A Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria, á aprobación inicial das contas do organismo provincial para o vindeiro ano 2027. Trátase dun orzamento de récord que medra nun 10% e 23,2 millóns de euros. Unha contía de 261,8 millóns de euros cos que seguir reforzando áreas estratéxicas para o goberno de Luis López como son a cooperación cos 61 concellos da provincia, a colaboración co movemento veciñal, o impulso á provincia do deporte, o avance dun turismo sustentable, a mellora da seguridade e mobilidade peonil nas estradas provinciais, fomentar o benestar social ou seguir espallando a mellor cultura por todo o territorio. “Presentamos por cuarto ano consecutivo, en tempo e forma, os orzamentos desta casa que novamente, e como consecuencia da estabilidade e rigorosidade do goberno de Luis López, entrarán en vigor o 1 de xaneiro. Un orzamento de récord que por cuarto ano consecutivo volve poñer aos 61 concellos da provincia, non a dous, nin a 59; a todos, porque somos unha Deputación de 61 concellos; no centro das nosas políticas, aos que destinamos novamente un de cada tres euros”, enmarcou o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela.

A aprobación inicial deste Orzamento saíu adiante grazas aos votos favorables dos deputados do Grupo Popular, malia o rexeitamento dos deputados dos grupos do PSOE e do BNG. Trátase dun documento que ten na área de cooperación cos concellos a partida máis destacada ao reservar para o vindeiro ano preto de 90M€. “O goberno amigo dos concellos”, segundo declarou o voceiro, destina ao Servizo de Cooperación 81,6 M€, un 8% máis que ano pasado que volverá ter no Plan +Provincia a súa principal referencia con 50M€. Ademais, pódese incluír neste departamento os investimentos de 4,2M€ en Asistencia Intermunicipal ou o incremento do destinado ao Servizo de Axuda no Fogar que chega aos 3,5M€. Así mesmo, puntualizou Cubela que, tendo en conta os recursos mobilizados coas distintas convocatorias do plans estratéxicos de apoio aos concellos —PEID, Plan Extra, Vía DEPO e Espazo DEPO— a cifra destinada a cooperación cos concellos de menos de 50.000 habitantes neste mandato acada os 325M€.

Mención especial requiriu a colaboración coas dúas grandes cidades da provincia: Vigo e Pontevedra. O orzamento da Deputación volve reservar 5 e 2,5Me de euros, respectivamente, para financiar convenios de colaboración coas dúas principais urbes. Con todo, as contas elevan o investimento na capital ata os 43M€ a través de outros proxectos como os 300.000€ para Vía Verde de Pontevedra a Arcade, os 820.000 para a apertura dos xardíns en Santa Clara, cuxa reforma tamén ten consignados fondos, 840.000€ para a renovación do céspede de Pasarón, máis de un millón de euros para a Bienal de Arte do 2027, 1,5 M€ para a estrada de Salcedo ou 2,5 M€ para o pavillón de Príncipe Felipe, entre outras actuacións en Lérez, na Fracha ou no apoio de iniciativas clave como o Surfing the Lérez. Mentres que na cidade máis poboada da provincia, a Deputación prevé investimentos por valor de 67M€ entre os que sobresaen os 400.000€ do Pacto por Peinador para captar novas rutas aéreas, as obras na piscina de Teis, Finca Matías ou humanización de San Roque, ou a estrada do Calvario, a recuperación do Teatro Cine e os 13,5M€ que se están a investir en Balaídos.

A provincia do deporte

O deporte seguirá a ser un piar fundamental na acción de goberno da Deputación o vindeiro ano. Os fondos reservados para esta área medran nun 30% e ascenden ata os 11,2M€ para seguir sendo referencia en axudas a deportistas, a colaboración con clubs, colectivos e federacións, a mellora dos equipamentos deportivos e a organización e acollida de eventos deportivos tanto propios como de impacto internacional; e financiar partidas como un segundo plan para a mellora de infraestruturas de clubs e entidades (ProDeporte) dotado con 1,8 M€; unha nova xeira de axudas de DepoVan para a adquisición de vehículos (1,1 M€), ou a suba do 20% en axudas de bens e servizos e un novo circuíto de BTT Entre Pontes, complementario ao actual de running.

Outra das áreas nas que a provincia é referencia é a de Acción Comunitaria. No ano 2027, disporá de 4M€, dos que sobresaen o apoio ás asociacións veciñais (1,73 M€), ás comunidades de augas (1,73 M€), para a regularización de traídas (432.000€) ou as recentes axudas de bens e servizos (100.000€).

Do mesmo xeito, aumentan as partidas destinadas a Cultura ata os 6,5M€ (+10%), a Benestar Social, ata os 9M€ (+19%); a Turismo, ata os 9,3M€ (+31%); ou a Infraestruturas, ata os 44,1M€ (+15,6%).

Esta sesión plenaria extraordinaria para a aprobación inicial do Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2027 incluíu un segundo punto na orde do día. O expediente, que recibiu o voto favorable dos deputados do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE; recibiu luz verde e servirá para aprobar unha modificación de créditos por valor de 700.000€ dirixida a ampliar o orzamento da liña de axudas Prodeporte desde os 1,8M€ iniciais ata os 2,5M€. Fondos que, segundo explicou o presidente Luis López, servirán para atender todas as solicitudes presentadas polas entidades deportivas da provincia, arredor de 450, para que poidan executar obras ou adquirir material nas súas instalacións.

0.5823540687561