A Deputación de Pontevedra celebra o Día do Libro con máis de 200 escolares no certame Canta Rosalía!

A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, o acto de entrega dos premios do concurso escolar Canta Rosalía! no Centro Príncipe Felipe. A iniciativa busca poñer en valor a figura de Rosalía de Castro e fomentar a lingua e a cultura galegas entre o alumnado da provincia. Máis de 200 escolares de 15 centros participaron nesta edición, con premiados procedentes de Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Guarda, Mos, Poio, Tui e Vilaboa.
O acto contou coa presenza dos deputados Jorge Cubela e Sandra Bastos, que fixeron entrega dos galardóns aos mellores poemas musicados sobre Rosalía. Ao remate, o público infantil puido gozar dunha actuación musical a cargo de Pakolas e Laura Romero.
Jorge Cubela, deputado de Cultura, lembrou a relevancia desta data, escollida pola morte de Cervantes e Shakespeare, e sinalou que “Rosalía de Castro é a nosa autora por excelencia”, resaltando a súa capacidade para plasmar “a esencia da nosa identidade”. O concurso coincidiu ademais co foco do Día das Letras Galegas nas cantareiras e poetas orais.
Os premios entregáronse en catro categorías:
-
Campaniñas (1º ciclo Primaria): 1º CEIP Riomaior (Vilaboa); 2º ex aequo CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio) e CEIP Pazos de Reis (Tui); 3º CEIP Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade).
-
Airiños (2º ciclo Primaria): 1º CEIP A Sangriña (A Guarda); 2º ex aequo CEIP Petelos (Mos) e CEIP Chancelas; 3º CEIP Manuel Sieiro (Crecente).
-
Fontiñas (ESO): 1º IES Monte Carrasco (Cangas do Morrazo).
-
Paxariños (Educación Especial): quedou deserta.
Os primeiros premios consistiron en lotes de produtos didácticos ou experiencias culturais valoradas en 600 euros, incluíndo actuacións musicais ou teatrais. Os segundos e terceiros foron dotados con 400 e 300 euros respectivamente. Todos os centros recibiron un lote de libros e cada neno/a levou un exemplar de Rosalía: Cantares miúdos ou Cantares gallegos, segundo a idade.