A Deputación de Pontevedra destina 210.000€ a proxectos de inclusión e accesibilidade social

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a posta en marcha dunha nova convocatoria do Plan Provincia +Inclusiva, dotada con 210.000 euros, destinada a financiar proxectos de entidades de benestar social relacionados coa accesibilidade, a mobilidade ou a atención persoal.
A convocatoria permitirá conceder axudas de ata 10.000 euros por entidade e o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de maio.
O anuncio realizouse durante unha visita á Fundación Lar Pro Saúde Mental, en Vilagarcía de Arousa, onde o mandatario provincial coñeceu de primeira man as actuacións desenvolvidas ao abeiro deste programa. A entidade executou melloras de accesibilidade e adquiriu sistemas de comunicación cun investimento de 18.000 euros.
López destacou que o benestar social é un dos piares da acción de goberno da Deputación, que nos últimos anos mobilizou máis de 24 millóns de euros para os concellos, ademais de impulsar programas específicos dirixidos ás entidades sociais.
O Plan Provincia +Inclusiva naceu en 2024 para dar resposta ás necesidades detectadas polo tecido asociativo, especialmente no ámbito da accesibilidade e dos recursos de apoio persoal. Na súa primeira edición financiou 19 proxectos cun investimento de 115.000 euros, mentres que na segunda convocatoria se apoiaron 30 iniciativas cun orzamento de 210.000 euros.
O presidente provincial salientou o papel fundamental das entidades sociais, ás que cualificou como “clave” para chegar onde as administracións non sempre poden, e reiterou o compromiso da Deputación para seguir colaborando con elas.