A Deputación de Pontevedra, finalista nos Premios Ondas Globais do Podcast con "Aquí faltan páxinas"

O programa competirá na categoría de Podcast en Lingua Cooficial e os galardoados coñeceranse o 12 de marzo
Aqui-faltan-paxinas
13 Feb 2025

A Deputación de Pontevedra foi seleccionada como finalista nos Premios Ondas Globais do Podcast polo seu proxecto Aquí faltan páxinas. A iniciativa, desenvolvida en colaboración con O Cable Inglés, é unha das cinco candidatas na categoría de Podcast en Lingua Cooficial na cuarta edición destes prestixiosos galardóns.

O programa, que xa conta con dúas edicións, ten como obxectivo rescatar e poñer en valor a historia de mulleres vinculadas á provincia, moitas delas fundamentais en distintos ámbitos pero con pouca presenza nos libros de historia. Cada mes, a Deputación rende homenaxe a unha figura feminina a través dun coloquio e dun episodio de podcast no que se profundiza na súa traxectoria.

Na súa edición de 2024, o proxecto destacou a labor de mulleres como Carmen Babiano, Inmaculada Paz Andrade, Avelina Valladares, Placeres Castellanos, Mary Quintero, Urraca I de León, María Pardo, Mercedes Ruibal, Urania Mella e María Araújo, ademais de colectivos como As Leiteiras de Pontevedra e As Madriñas de Redondela.

O podcast da Deputación competirá polo premio xunto a MARE, de EITB Podkast; La turra, de La Manchester e SomEVA / 3Cat; Borja, de València al Vaticà, de La República Independiente de la Radio e À Punt Pòdcast; e Gent de merda, de Radio Primavera Sound.

Os gañadores daranse a coñecer o 12 de marzo durante a emisión do programa La Ventana, mentres que a gala de entrega celebrarase na primavera.

0.11336994171143