A Deputación de Pontevedra iluminarase de verde no Día Mundial da ELA

A Deputación de Pontevedra iluminará o Pazo provincial de verde con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que se celebra o 21 de xuño. O alumeado comezará o sábado ás 20:30 horas e permanecerá ata as 7:30 horas do domingo, como xesto de solidariedade e apoio ás persoas afectadas por esta doenza.
A institución súbase así un ano máis á iniciativa promovida pola Asociación Galega de Afectados de ELA (AGAELA) e pola Confederación Nacional de Entidades de ELA (ConELA), co obxectivo de visibilizar a enfermidade e reivindicar os dereitos dos pacientes e das súa familias.
A ELA é unha doenza neurodexenerativa que afecta principalmente a persoas de entre 40 e 70 anos, e que paraliza progresivamente os músculos ata provocar a perda total de mobilidade, mentres a actividade mental permanece intacta. En España, máis de 4.000 persoas conviven con esta enfermidade, e cada ano diagnostícanse 900 novos casos.
A pesar de que na actualidade non existe cura nin tratamento que deteña o avance da ELA, os avances farmacolóxicos permiten mellorar a calidade de vida das persoas afectadas. Con este xesto simbólico, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa visibilización da enfermidade e co apoio aos pacientes e as súa familias.