A Deputación de Pontevedra logra a certificación no Esquema Nacional de Seguridade e sitúase entre as máis avanzadas de España

A institución convértese na segunda de Galicia e a sétima do Estado en obter esta acreditación en categoría media.
Deputacion de Pontevedra
6 Apr 2026

A Deputación de Pontevedra vén de acadar a certificación no Esquema Nacional de Seguridade (ENS) en categoría media, un recoñecemento que acredita que os seus sistemas e servizos dixitais cumpren cos estándares esixidos en materia de protección da información.

Con este logro, a institución convértese na segunda deputación de Galicia en obter esta certificación —tras a da Coruña— e na sétima do conxunto do Estado, xunto ás de Albacete, Cádiz, Castellón, Huesca e Segovia.

O ENS é o marco normativo de referencia para as administracións públicas no ámbito da seguridade da información, establecendo os requisitos necesarios para garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade, autenticidade, trazabilidade e conservación dos datos.

A certificación, outorgada por Cámara Certifica e avalada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), supón unha validación externa do cumprimento destes estándares e da implantación efectiva das medidas de seguridade.

No caso da Deputación de Pontevedra, a acreditación abrangue tres servizos dixitais clave: a plataforma de administración electrónica para concellos, a oficina virtual tributaria e o rexistro electrónico, ferramentas fundamentais na relación coa cidadanía e coas entidades locais.

A obtención desta certificación é resultado dun proceso de traballo desenvolvido ao longo de 2025, que incluíu unha auditoría independente para avaliar o cumprimento do Real Decreto 311/2022. No nivel de categoría media, este procedemento implica unha análise detallada dos sistemas e das medidas de seguridade implantadas.

Desde a Deputación destacan que este recoñecemento ten un impacto directo na cidadanía, ao garantir que os servizos dixitais funcionan de maneira segura, fiable e continua, reducindo riscos e reforzando a confianza na Administración electrónica.

Así mesmo, subliñan que manter esta certificación require unha actualización constante dos sistemas, a adaptación ás novas ameazas e a formación continua do persoal, consolidando un modelo de administración moderna, eficiente e centrada nas persoas.

0.41847085952759