A Deputación de Pontevedra mellorará a seguridade viaria na EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro cun investimento de 610.000 euros

Pazo provincial, 21 de febreiro de 2025 – A Deputación de Pontevedra deu luz verde ao proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro, no concello de Marín. Cun orzamento de 610.000 euros, financiados integramente con fondos provinciais, as obras teñen como obxectivo garantir unha circulación máis segura e cómoda para condutores e peóns.
O presidente da Deputación, Luis López, destacou que esta actuación “forma parte da estratexia provincial de mellora continua da rede viaria, co fin de salvagardar a prestación do servizo público e aumentar os estándares de seguridade en todas as estradas de titularidade provincial”.
Os traballos, que se prolongarán durante aproximadamente tres meses, inclúen a mellora da capa de rodadura ao longo de máis de dous quilómetros da vía. Así mesmo, acometerase a reposicón do firme en puntos deteriorados para mellorar o confort e a seguridade da circulación.
Entre as actuacións previstas tamén se inclúen a limpeza e rozas das cunetas a ambos lados da estrada, así como a mellora do sistema de drenaxe para evitar acumulacións de auga que poidan afectar ao tráfico. A obra completarase coa limpeza integral da vía e coa renovación da sinalización horizontal e vertical, garantindo así unha mellor visibilidade e seguridade en todo o percorrido.
“Este tipo de intervencións son fundamentais para mellorar a seguridade viaria, previr accidentes e garantir a mobilidade da veciñanza en condicións óptimas”, destacou Luis López, quen tamén lembrou que a Deputación continuará impulsando proxectos similares noutros puntos da provincia.