A Deputación de Pontevedra mobiliza 4,26 millóns de euros para proxectos de eficiencia enerxética en 38 concellos

Luis López destaca a colaboración entre Deputación e concellos como clave para captar fondos europeos e instalar paneis fotovoltaicos que permitirán aforrar 663.000 euros ao ano e reducir emisións de CO₂.
Renovables Pontevedra
23 Jul 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu este luns unha xuntanza cos representantes dos 38 concellos beneficiarios de cinco proxectos de eficiencia enerxética que permitirán mobilizar 4,26 millóns de euros. Estas actuacións centraranse na instalación de paneis fotovoltaicos e suporán un aforro enerxético anual estimado de 663.000 euros.

“O traballo conxunto entre a Deputación e os concellos situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións que nos colocan como referentes en eficiencia enerxética”, sinalou López. Os fondos proceden maioritariamente do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), cunha achega de 2,42 millóns de euros, aos que se suman un millón da Deputación e máis de 900.000 euros dos propios concellos.

O presidente provincial puxo en valor o traballo realizado desde finais de 2024 para conseguir estes recursos e felicitou o deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, e o equipo técnico do servizo de Cooperación. Tamén pediu aos concellos un esforzo para cumprir os prazos, fixados –agás prórroga– no 31 de marzo de 2026, e comprometeuse a asumir directamente a redacción dos proxectos e facilitar o cofinanciamento.

As actuacións desenvolveranse nos seguintes municipios: Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, Fornelos de Montes, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Ponte Caldelas, Poio, O Porriño, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

⚙ Configurar cookies
0.17404007911682