A Deputación de Pontevedra premia o talento de 39 mozos e mozas nos IX Premios Provinciais da Xuventude

A Deputación de Pontevedra celebrou no Salón de Plenos do Pazo Provincial a gala dos IX Premios Provinciais á Xuventude, unha edición que volveu superar todas as marcas con 111 candidaturas e 39 premiados en doce categorías relacionadas coas artes, a investigación e o compromiso social.
O presidente provincial, Luis López, acompañado polo deputado de Xuventude Jorge Cubela, destacou o papel da mocidade como motor de creatividade, vangarda e progreso. Presentou a provincia como “a mellor plataforma posible para impulsar o talento”, asegurando que “nin TikTok, nin Twitch, nin Spotify” poden competir coa “plataforma Rías Baixas” á hora de acompañar e visibilizar o traballo da xuventude.
A gala, conducida pola xornalista Bibiana Villaverde, contou coa actuación musical de André Touza, gañador o pasado ano. López insistiu no compromiso da Deputación cun sector xuvenil ao que destinou 4 millóns de euros neste mandato a través de programas de apoio, iniciativas emprendedoras, espazos xuvenís e o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude, que inclúe accións en saúde mental e formación.
Nesta edición incorporouse unha nova categoría dedicada á iniciativa xuvenil dos concellos, recoñecendo o labor de Gondomar e Ponteareas. En total, participaron mozos, mozas e colectivos de 17 concellos da provincia, amosando a diversidade territorial do talento xuvenil.
Entre os primeiros premios destacan:
- Agrupación Musical do Rosal en Iniciativa Xuvenil
- IES de Chapela en Educación en Valores
- FOCO A Guarda en Iniciativa Empresarial
- Denis Carballas en Banda Deseñada
- Rosalía Quiroga e Eire García en Contido Audiovisual
- Luiselena Tilve en Deseño e Moda
- Laura Paz e Xoán Moreiras nas categorías fotográficas
- Andrea Dávila e Salvador Román en Investigación
- Sara Mínguez en Traballo Musical
- Fabio Rivas, gañador tanto en Narrativa como en Poesía
O presidente pechou a gala asegurando que “sobran exemplos para sentirse orgullosos da mocidade da provincia”, reafirmando a vontade da Deputación de seguir apoiando e visibilizando o seu talento.