A Deputación de Pontevedra presenta un investimento extraordinario de 20 millóns de euros para 18 concellos

O mandatario provincial detalla diante de rexedores da provincia un novo programa de colaboración cos concellos de todas as cores políticas
investimento-en-concellos-de-pontevedra
20 May 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este mércores diante de alcaldes e alcaldesas da provincia un novo programa extraordinario de investimentos do organismo provincial deseñado especificamente para cubrir unha parte do financiamento de proxectos dos concellos conseguiron financiamento de fondos europeos. O Plan Espazo Depo está dotado con 20M€ e beneficiará a un total de 18 concellos: Vilagarcía de Arousa, Redondela, Lalín, Marín, O Porriño, A Estrada, Ponteareas e as unións e áreas funcionais dos municipios de Nigrán, Gondomar e Baiona; Tomiño e O Rosal; Tui e Salvaterra de Miño; e Vilanova de Arousa, Valga, Pontecesures e Catoira.

“Hoxe presentamos o Espazo DEPO. Un plan de investimento, outro máis, dotado con 20 M€, que son os que lle imos aforrar a estes 18 concellos para que poidan financiar as obras, humanizacións e outras transformacións no marco dos fondos Feder”, anunciou o mandatario provincial nun acto celebrado no pazo provincial ao que acudiron alcaldes e concelleiros dos concellos beneficiarios, que recibirán de mans do organismo provincial cantidades que oscilan entre os 1,3M€ e os 2,2M€. No pleno da vindeira semana a Deputación aprobará unha modificación de crédito de 6,5M€ para financiar a achega dos recursos da primeira anualidade que proximamente se materializarán a través de convenios particulares cos concellos. Unha colaboración que se prolongará ao longo dos vindeiros catro anos, que é o prazo marcado pola Unión Europea para executar os proxectos beneficiarios.

A orixe deste novo plan de cooperación do goberno de Luis López cos concellos da provincia está na resolución das convocatorias europeas dos programas Feder e Edil que beneficiaron a diversas entidades locais da provincia de Pontevedra, en concreto sete cidades intermedias e catro áreas urbanas funcionais. Unha convocatoria que permitirá aos beneficiarios executar proxectos valorados nun total de preto de 100M€. Con todo, os fondos europeos nunca cobren o 100 % do orzamento e requiren que os concellos financien unha parte do orzamento. “Onde antes tiñan que aportar o 40 %, agora achegarán o 20 % grazas a esta nova axuda extraordinaria da Deputación”, remarcou López, quen explicou que “falamos dunha mobilización histórica de case 100M€”, dos que 60M€ proceden de fondos europeos, 20M€ os achegan os concellos beneficiarios e os 20M€ restantes apórtaos a Deputación a través deste novidoso plan Espazo Depo.

Con estes recursos levaranse a cabo iniciativas relacionadas coa rehabilitación urbana, a mobilidade sustentable, a eficiencia enerxética, a xestión da auga e dos residuos ou solucións tecnolóxicas para os concellos.

“Estes 20M€ máis de fondos provinciais para investimentos nos concellos nos reforzan como a Deputación que mellor os escoita, e que máis os atende. Atrás quedou a etapa na que se penalizaba a colaboración e se forzaba aos concellos a devolver os fondos provinciais se conseguían financiamento doutra administración”, lembrou López citando exemplos como os do Rosal ou A Caniza. Unha nova panca de apoio aos concellos para este ano que se suma aos 85M€ do Plan +Provincia deste ano, aos 8M€ do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, aos 35M€ do segundo Plan Extra e aos 8M€ do Plan Vía Depo.

Por outro lado, o presidente da Deputación salientou a capacidade da administración provincial para xestionar proxectos na Unión Europea e conseguir financiamento comunitario. No que vai de mandato, a Deputación resultou beneficiaria dun total de 26 proxectos que reportaron unha concesión de ata 32M€ de fondos europeos. Destas propostas, en 15 delas a Deputación foi beneficiaria única, mentres que nas 11 restantes fíxoo en colaboración con outras entidades.

“Douvos os parabéns”, concluíu o presidente a presentación deste novo plan de investimento diante dos alcaldes. “Tedes moito mérito porque non só hai que captar e executar os fondos, senón que cómpre sentidiño para non tensar máis da conta as finanzas do concello”, continuou para resaltar a importancia da colaboración da Deputación “para que estes 18 concellos poidan afrontar as transformacións avaladas por Europa e non asfixiar as facendas locais polo camiño”.

“Todos estes investimentos están chamados a marcar un antes e un despois para moitos barrios e concellos. Pero non serán unha obra máis, serán un Espazo Depo, que é o resultado de escoitar, entender e atender. O froito do que facemos nesta casa”, rematou o presidente da Deputación.

0.34436297416687