A Deputación de Pontevedra presenta un observatorio para as Comunidades de Auga para Consumo Humano

O primeiro informe identifica 967 comunidades de usuarios de auga na provincia, das que se abastece arredor dun terzo da poboación pontevedresa
comunidades-auga-pontevedra
12 May 2026

A Deputación de Pontevedra acaba de presentar o Observatorio sobre Comunidades de Auga para o Consumo Humano da provincia, unha ferramenta pioneira destinada a coñecer, analizar e reforzar a xestión da auga no ámbito rural, así como a poñer en valor o papel esencial que desempeñan as comunidades de usuarios no abastecemento da poboación. O Observatorio nace no marco do proxecto “Mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do empoderamento, apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de auga”, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 ao abeiro do programa de subvencións destinadas a accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais do 2024.

O primeiro informe temático elaborado polo Observatorio e que puido coñecer o deputado provincial Javier Tourís, ofrece unha visión global, estruturada e fundamentada da situación das comunidades de usuarios de auga na provincia de Pontevedra, identificando as súas principais características, problemáticas e oportunidades de mellora. O documento supón un importante avance respecto da situación inicial, na que non existía un rexistro consolidado nin unha base de datos estruturada que permitise coñecer a dimensión real destas entidades.

Desta maneira, identificáronse un total de 967 comunidades de usuarios de auga na provincia, das que se abastece aproximadamente un terzo da poboación provincial. Esta realidade resulta especialmente significativa nas comarcas do interior, onde a dispersión poboacional e as características do territorio dificultan a extensión das redes públicas de abastecemento. Neste contexto, as comunidades de usuarios de auga constitúen unha solución eficiente, próxima e de baixo custo para garantir o acceso a un recurso esencial. Segundo as estimacións recollidas no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, arredor de 600.000 persoas en Galicia dependen deste tipo de sistemas autónomos de abastecemento, o que evidencia a súa relevancia estrutural no territorio galego.

0.34790897369385