A Deputación de Pontevedra reforza os Rías Baixas Fest cun novo festival e máis orzamento para facer da música a banda sonora do verán

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe os Rías Baixas Fest 2025, unha programación musical que se consolida como “a banda sonora do verán” e que este ano chega reforzada con seis festivais e un orzamento ampliado ata os 340.000 euros.
O presidente provincial, Luis López, acompañado pola deputada de Turismo Nava Castro, deu a coñecer os detalles no xardín do Palacete das Mendoza, en Pontevedra. Os festivais incluídos son: Portamérica (Portas), SonRías (Bueu), SinSal (Redondela), Atlantic Fest e Revenidas (Vilagarcía), e como novidade, Underfest Xacobeo, que se celebrará en Vigo en novembro.
“A nosa provincia é xa un destino de referencia vinculado á cultura, a natureza, a gastronomía e o territorio grazas a estes festivais”, afirmou López, destacando tamén a aposta pola descentralización cultural e a loita contra o reto demográfico, levando eventos a diferentes concellos.
A programación arrancará o 3 de xullo co Portamérica e rematará o 15 de novembro co Underfest, abarcando todo o verán e máis aló. A presentación contou coa actuación do cociñeiro estrela Michelin Pepe Solla e Rodrigo Valiente.
Segundo Nava Castro, “o turismo de festivais medrou un 500% na última década” e España lidera o turismo musical a nivel mundial, polo que a aposta da Deputación busca consolidar Pontevedra como un dos principais destinos deste tipo.