A Deputación destina 460.000 euros para impulsar o turismo na provincia de Pontevedra

As axudas están dirixidas a actividades turísticas, promoción de eventos deportivos e reforzo de persoal na rede Info Rías Baixas
Rafa Estevez
Rafa Estevez
14 Feb 2025

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno tres liñas de axudas para potenciar o turismo na provincia en 2025, cun investimento total de 460.000 euros. Así o anunciou o presidente do organismo provincial, Luis López, nunha rolda de prensa na que destacou a importancia do sector turístico e a aposta pola calidade, accesibilidade e sustentabilidade.

O plan contempla 80.000 euros destinados a entidades sen ánimo de lucro para desenvolver actividades de promoción turística ou divulgación de recursos; 100.000 euros para fomentar eventos deportivos de interese turístico con proxección mediática, e 280.000 euros para a contratación de persoal nas 31 oficinas da rede Info Rías Baixas.

Apoio a actividades turísticas e eventos deportivos

A primeira liña de axudas permitirá a entidades sen ánimo de lucro acceder a un máximo de 5.500 euros por proxecto, sempre que non supere o 70 % do orzamento total. As iniciativas deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 e estar orientadas a mellorar a calidade, accesibilidade e sustentabilidade do turismo, así como a divulgar recursos como o patrimonio natural, cultural e lingüístico, as festas populares, a gastronomía ou o termalismo.

No ámbito deportivo, a Deputación mantén a súa aposta polos eventos con impacto turístico. Esta liña de axudas, que se puxo en marcha o ano pasado esgotando o 100 % do orzamento, apoiou a doce clubs e asociacións deportivas. Para 2025, cada entidade poderá recibir ata 9.000 euros, sempre que a achega non supere o 40 % do custo total do evento. “Queremos que estes eventos axuden a aumentar o número de pernoctacións na provincia e o impacto económico asociado á chegada de visitantes”, sinalou o presidente provincial.

Reforzo da rede Info Rías Baixas

O terceiro bloque de axudas, dotado con 280.000 euros, está dirixido a garantir a atención nas 31 oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas. Finaciaranse tanto os custos salariais do persoal público como os derivados da contratación externa do servizo.

Para acceder ás subvencións, as persoas contratadas deberán contar con titulación en Turismo, Formación Profesional en Guía, Información e Asistencias Turísticas, Comercialización Turística e Guía, ou dispoñer do certificado de profesionalidade en promoción turística local e información ao visitante.

Cada entidade solicitante poderá recibir ata 7.000 euros se contrata un informador turístico. No caso dos municipios declarados “turísticos”, a subvención poderá ampliarse ata os 14.000 euros para a contratación de dous profesionais.

0.12642621994019