A Deputación destina 550.000 euros a melloras en instalacións deportivas de cinco concellos

A Deputación de Pontevedra continúa coa súa aposta pola modernización das instalacións deportivas nos concellos de menos de 50.000 habitantes. A Xunta de Goberno aprobou esta semana un novo investimento de 550.000 euros dentro do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un programa dotado con 8 millóns de euros, o dobre que na edición anterior.
O presidente provincial, Luis López, destacou que esta iniciativa permite seguir avanzando na mellora do equipamento deportivo en toda a provincia:
“Con estes 8 millóns de euros seguimos modernizando as instalacións deportivas como nunca antes se fixera”, subliñou.
Proxectos financiados en cada concello
-
Forcarei: Recibirá 95.050 euros para financiar o 100 % das obras de modernización e mellora do Campo de Fútbol Municipal. Os traballos incluirán a renovación parcial do peche perimetral, a mellora de accesos rodados e peonís, e a construción dun aseo público accesible.
-
A Guarda: Contará con preto de 140.000 euros para dúas actuacións:
- 75.687 euros para mellorar as instalacións deportivas de Punta Xenete, coa instalación dunha nova pista polideportiva e a renovación da pista de xogos.
- 62.235 euros para a construción dun circuito pumptrack xunto ao skate park Atalaia e á pista multideporte.
-
Meis: Recibirá 104.617 euros para financiar integramente a renovación do campo de fútbol José Betanzos Doval "Pepe". Melloraranse os acabados interiores, renovarase o equipamento dos vestiarios, reubicaranse e modernizaranse os asentos da grada, repintaranse zonas do graderío e ampliaranse as escaleiras de acceso.
-
As Neves: Disporá de 98.503 euros para a instalación dunha cuberta nas dúas pistas de pádel que se construirán na área deportiva de A Caíña, na parroquia de Santiago de Tortoreos.
-
Ponte Caldelas: Recibirá 109.947 euros para a construción dunha pista de pádel panorámica cuberta e a adecuación dunha pista de tenis en Chan da Barcia. Este proxecto será financiado ao 100 % pola Deputación, xa que aos fondos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas súmanse 69.902 euros procedentes do Plan +Provincia.
Con estes investimentos, a Deputación de Pontevedra segue reforzando o seu compromiso coa mellora de infraestruturas deportivas en toda a provincia.