A Deputación impulsa a danza urbana coa cuarta edición da Move It Vigo Urban Dance Competition

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe na presentación da cuarta edición da Move It Vigo Urban Dance Competition, que se celebrará este sábado nas instalacións do IFEVI. O evento reunirá a máis de 1.400 bailaríns e bailarinas procedentes de diferentes puntos do Estado e do norte de Portugal.
Trátase dun espectáculo único, consolidado como a maior competición de danza urbana en Galicia, tanto polo número de participantes como pola afluencia de público. “É xa sinónimo de éxito e exemplo de como o deporte e a cultura poden ir da man para crear eventos de referencia”, destacou Sánchez.
A vicepresidenta da Deputación puxo en valor o compromiso do goberno provincial co deporte e a cultura urbana: “Queremos facer de Pontevedra un escaparate mundial do deporte e iso pasa tamén por apoiar disciplinas que contan cunha gran base social e creativa como é a danza urbana”.