A Deputación impulsa o regreso do Entroido de Aguasantas en Cerdedo-Cotobade con dúas actuacións financiadas polo programa Culturea

Pazo provincial, 21 de febreiro de 2025 – O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este venres a presentación da primeira edición do Entroido de Aguasantas tras a súa recuperación, unha iniciativa liderada pola Asociación Cultural Entroido de Aguasantas. O evento celebrarase os días 1 e 2 de marzo na parroquia de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, e contará co apoio do programa Culturea da Deputación.
O deputado de Cultura e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou o esforzo levado a cabo pola asociación para traer de volta esta festa tradicional. “Falando cos veciños máis maiores da parroquia, recompilaron recordos, anécdotas e fotografías que permitiron reconstruír esta celebración tan enraizada no patrimonio inmaterial da nosa comarca”, explicou Cubela.
Durante o proceso de recuperación, saíron á luz tradicións singulares como a “corrida do galo”, os cabalos dos lanceiros decorados con mimosas, as máscaras tradicionais e os emblemáticos sermóns. “Estes elementos conforman a alma do Entroido de Aguasantas e agora, grazas a este traballo, poderemos velos renacer”, engadiu o deputado.
O programa Culturea financiará dúas actuacións clave: a dos Trazantes de Tenorio e o seu grupo de Pandeireteiras, que animarán a celebración. Ademais, Cubela lembrou que o ano pasado a Asociación Cultural Entroido de Aguasantas xa recibira apoio da Deputación para organizar unha xornada de divulgación sobre o entroido local.
Os días 1 e 2 de marzo, a parroquia encherase de personaxes típicos como as vellas, os madamitos, as madamitas, os maragatos, as muradanas e os tradicionais disfraces de oficios, que percorrerán as rúas e camiños nun evento que revive o espírito comunitario e a esencia do Entroido. “Queremos que o maior número de persoas posible coñeza e disfrute deste patrimonio inmaterial e anime a tradición para que perdure no tempo”, concluíu Jorge Cubela.