A Deputación impulsa unha proba de trail running entre os castelos de Soutomaior e Sobroso para promocionar o turismo activo

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación para a organización e execución do trail Entre Castelos Rías Baixas, unha nova proba de trail running que unirá os castelos de Soutomaior e Sobroso. A actividade será totalmente gratuíta e enmárcase na Estratexia Rías Baixas Turismo 61, co obxectivo de promocionar o turismo activo e poñer en valor o patrimonio histórico da provincia.
A institución provincial destina 54.500 euros a esta iniciativa, que incluirá unha carreira de trail entre Sobroso e Soutomaior, unha andaina popular e unha carreira infantil. As actividades desenvolveranse ao longo de dúas xornadas pensadas para todos os públicos, con conferencias e adestramentos a cargo de influencers deportivos.
Espérase a participación de arredor de 1.000 persoas. A organización facilitará transporte lanzadeira en autobús entre os puntos do percorrido, así como unha ludoteca con monitores especializados para garantir a conciliación familiar e unha experiencia inclusiva.
O presidente provincial, Luis López, destacou que “seguimos promovendo o turismo e facéndoo da man do deporte e dos castelos de Soutomaior e Sobroso, dous grandes bastións que se están a converter en centros turísticos de primeira orde”.