A Deputación inaugura a VI Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros en Mouriscade

A Deputación inaugura a VI Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros que acolle a Finca de Mouriscade
A deputada provincial Belén Cachafeiro deu este luns a benvida aos participantes da sexta edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, unha actividade formativa organizada na Finca de Mouriscade, en Lalín, centro de referencia nacional da Deputación de Pontevedra no ámbito agrogandeiro.
Durante o acto de apertura, Cachafeiro salientou o orgullo que supón para a institución provincial acoller unha escola destas características: “que pon en valor a importancia do sector primario para a provincia de Pontevedra”. A escola, promovida pola Federación de Frisona de Galicia e o Club de Novos Gandeiros, en colaboración coa Deputación, desenvolverase ao longo de cinco xornadas ata o 1 de agosto, e contará cunha segunda edición entre o 18 e o 22 de agosto.
O programa está dirixido a mozas e mozos de entre 8 e 25 anos, que durante os días de actividade experimentarán en primeira persoa o traballo diario dunha explotación gandeira, acompañados por profesionais nun ambiente formativo, dinámico e ameno.
A deputada destacou tamén que “a gandería conformou desde o pasado boa parte da nosa cultura e tradicións e hoxe é un dos grandes motores económicos e de emprego da provincia ao que, vendo o que vemos hoxe nesta escola, lle agarda un futuro prometedor”.
Nos dous primeiros anos de mandato de Luis López, a Deputación de Pontevedra investiu 4,1 millóns de euros na Finca de Mouriscade, situándoa xa como o segundo centro de España co mellor índice combinado (ICO) e o terceiro por mérito económico. Estas actuacións permitiron mellorar infraestruturas e sistemas produtivos, impulsar a calidade xenética dos animais e colaborar con centros de referencia internacional como Daire One (EE.UU.) ou Evonik (Alemaña).