A Deputación lanza unha nova edición das Actividades Fluviais

As actividades, totalmente gratuítas, están dirixidas a un público familiar, podendo anotarse maiores de 6 anos de idade.
Actividades Fluviais deputacion
25 Jun 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no paseo lucense do Rato o programa de Actividades Fluviais que a institución provincial porá en marcha este verán en 10 concellos da provincia.

Na rolda de prensa estiveron presentes tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e alcaldes, alcaldesas e representantes municipais da maioría das localidades nas que terán lugar estas accións de lecer. En concreto, asistiron os rexedores de Alfoz, Jorge Val; Guitiriz, Marisol Morandeira; Láncara, Darío Piñeiro; Navia de Suarna, José Fernández; Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico; e Trabada, Mayra García Bermúdez; e o tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.

As Actividades Fluviais son totalmente gratuítas e están dirixidas a un público familiar, podendo anotarse maiores de 6 anos de idade no propio lugar da actividade. Haberá actividades acuáticas, como kaiak, paddle surf, inchables, e outros xogos nas contornas fluviais.

O Presidente explicou que o programa desenvolverase durante o mes de xullo nos municipios de Ribeira de Piquín, Trabada, Alfoz, Vilalba, Begonte, Navia de Suarna, Láncara, Ribas de Sil, Monterroso e Guitiriz.

“Con esta iniciativa, dende a Deputación de Lugo ofrecemos unha alternativa de ocio ao aire libre moi atractiva para o verán, que contribúe a dinamizar a vida social e a vida económica dos concellos”, detallou o mandatario provincial. O programa, engadiu, tamén será importante para contribuír á recuperación do sector turístico, hostaleiro e do comercio local fronte ao impacto das restricións provocadas pola pandemia, porque todos sabemos que onde hai actividades de lecer, hai consumo, sobre todo no sector servizos. A xente ten ganas de saír, de recuperar a súa vida normal, e dende a prudencia, temos que dar pasos nesa recuperación”.

José Tomé subliñou que este paquete de actividades ten obxectivos a longo prazo. “Queremos promocionar o rico patrimonio fluvial que temos na provincia de Lugo e mostrar todo o seu potencial para seguir impulsando o turismo de interior e natureza”. Neste sentido, lembrou que, ademais das Actividades Fluviais, a Deputación colabora coa Gold River Race, a regata que nace sendo a máis longa de toda Europa, “unha proba de primeiro nivel que arranca precisamente mañá en Augasmestas, en instalacións que son da Deputación de Lugo, no concello de Quiroga, e que, sen dúbida, terá un efecto moi importante na promoción da riqueza fluvial da provincia de Lugo”.

O presidente convidou á veciñanza da provincia a participar nestas actividades que se poden practicar en familia e con amigos.

Éxito da edición anterior

O mandatario provincial salientou que o ano pasado estas actividades tiveron moi boa acollida: “a pesar da pandemia, participaron preto de 700 rapaces e rapazas de toda a provincia, nun amplo rango de idade” e “ante esa boa acollida, este ano decidimos ampliar a oferta a 10 concellos para ampliar tamén a capacidade e o impacto do programa”.

Como na edición anterior, estas actividades cumprirán en cada momento cos protocolos de prevención da covid-19 que vaian determinando as autoridades sanitarias en función da evolución da pandemia.

CALENDARIO 

  • Ribeira de Piquín – Área Recreativa Chao de Pousadoiro. 1 de xullo. De 15 a 18 horas
  • Trabada – Ría de Abres. 3 de xullo. De 11 a 14 horas
  • Alfoz – Parque da Naranxa. 4 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Vilalba – Área recreativa da Madalena. 10 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Begonte – Club fluvial. 17 de xullo. De  16 a 19 horas
  • Navia de Suarna – Praia fluvial. 24 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Láncara – Praia fluvial de Pobra de San Xiao. 25 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Ribas de Sil – Praia fluvial de San Clodio. 30 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Monterroso – Área recreativa A Peneda. 31 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Guitiriz – Praia fluvial de Parga. 1 de agosto – De 16 a 19 horas

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1403648853302