A Deputación organiza en Vilagarcía de Arousa unha xornada de difusión sobre comunidades enerxéticas no marco da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables

A Deputación de Pontevedra celebrará este xoves en Vilagarcía unha xornada informativa para explicar o papel das comunidades enerxéticas na transición cara a unha enerxía máis sostible e eficiente.
Renovables
30 Jun 2025

A Deputación de Pontevedra organiza este xoves en Vilagarcía de Arousa unha xornada de difusión sobre as comunidades enerxéticas da man da Oficina provincial de Transformación Comunitaria +Renovables. A actividade terá lugar na sala de conferencias do Auditorio municipal ás 19:00 horas e servirá para explicar que é unha comunidade enerxética, o papel das administracións no seu desenvolvemento e os servizos que ofrece a institución provincial a través deste proxecto financiado con fondos Next Generation EU.

A Oficina +Renovables, situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro, ten como obxectivo fomentar a creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, dando prioridade ao medio rural e aos concellos con reto demográfico. O proxecto inclúe actividades de difusión, asesoramento, formación, investigación e a creación dunha rede provincial de comunidades enerxéticas.

Durante as xornadas de difusión, como a prevista en Vilagarcía, dáse a coñecer o funcionamento das comunidades enerxéticas e os servizos dispoñibles desde a Deputación para impulsar a transición enerxética, promover a autosuficiencia enerxética das vilas e aldeas e contribuír a un modelo de enerxía máis responsable.

A Deputación ofrece asesoramento completo a aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, desde a súa constitución ata a súa posta en marcha. Inclúese o deseño de proxectos de xeración de enerxía térmica ou eléctrica, apoio económico sobre financiación, e a elaboración de informes técnicos, legais e de viabilidade económica.

⚙ Configurar cookies
0.20020604133606