A Deputación organiza obradoiros infantís e percorridos literarios arredor da camelia no Castelo de Soutomaior

Soutomaior, 19 de febreiro de 2025 – A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana novas actividades no Castelo de Soutomaior destinadas ao público familiar e centradas na camelia, símbolo botánico dos seus xardíns. As propostas inclúen o obradoiro creativo “Arte con papel” e o contacontos “Lendas que florecen”, pensados para nenas e nenos a partir de tres anos, que permitirán aos máis pequenos achegarse de xeito lúdico ao mundo da camelia.
O sábado, ás 16:30 horas, terá lugar o obradoiro “Arte con papel”, unha sesión creativa de hora e media onde os participantes poderán realizar camelias empregando técnicas como o origami, a creación de flores de papel e a elaboración de collages florais. Esta actividade repetirase o vindeiro 22 de marzo.
O domingo, tamén ás 16:30 horas, celebrarase o contacontos “Lendas que florecen”, que levará o público infantil ao mundo das lendas a través dun espectáculo de teatro de sombras. Esta actividade combina narración oral, arte visual e tradición, e volverá a representarse o 23 de marzo.
Percorridos especiais e novas actividades
A partir do 25 de febreiro e ata o 2 de marzo, arrancarán os percorridos especiais centrados na relación entre a camelia e a literatura, que se repetirán do 25 ao 30 de marzo. Estes percorridos permitirán explorar a influencia desta flor na historia literaria e a súa presenza en distintas obras.
Continúa tamén dispoñible o popular street escape da camelia, unha experiencia similar aos coñecidos escape rooms pero ao aire libre. Esta proposta, gratuíta e para todos os públicos, consiste nunha ruta circular polos xardíns do castelo na que as persoas participantes deberán resolver enigmas e superar probas empregando un teléfono móbil con conexión a internet. Para iniciar a actividade, abonda con escanear o código QR dispoñible no punto de información do castelo.
Actividades destacadas para marzo
Durante o mes de marzo, o programa incluirá novas propostas temáticas:
- A camelia e a moda (do 4 ao 9 de marzo)
- A camelia e a saúde (do 11 ao 16 de marzo)
- Obradoiros creativos, como o obradoiro de pintura (2 de marzo) e o taller de ecoprint (16 de marzo).
- Visitas guiadas ao xardín de excelencia internacional e rutas escolares especialmente deseñadas para o público estudantil.
Con este programa de actividades, a Deputación de Pontevedra aposta por dinamizar o Castelo de Soutomaior como espazo de divulgación cultural, científica e de lecer, consolidándoo como punto de encontro para o coñecemento da riqueza botánica e a historia local.