A Deputación reforza o seu apoio ao automobilismo coa presentación do 58º Rallye Recalvi Rías Baixas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores na presentación do 58º Rallye Recalvi Rías Baixas, que se desenvolverá do 3 ao 5 de xullo co apoio da institución provincial, baixo a organización da Escudaría Rías Baixas e a Fundación Recalvi. Sánchez destacou que “ano tras ano continuades consolidándoo como un dos grandes eventos do motor na provincia e en toda Galicia”, motivo polo que a Deputación continúa a apoiar esta proba dentro do seu compromiso coa promoción do deporte en todas as súas disciplinas, e en especial do automobilismo.
A vicepresidenta lembrou tamén a posta en marcha do pioneiro programa +Talento Motor, que acumula dúas edicións de éxito “formando e impulsando novas promesas do automobilismo galego para que poidan medrar no mundo do motor con todo o respaldo técnico e humano”. Ademais, trasladou os seus parabéns á nova directiva da Escudaría Rías Baixas pola “ambición de comezar por todo o alto introducindo novidades que agardamos que contribúan a que esta proba siga dando saltos de calidade”.