A Deputación reivindica os catro piares do deporte e homenaxea ao atleta Manuel Rosales

A Deputación de Pontevedra celebrou no módulo de atletismo do IFEVI, en Vigo, a Gala do Deporte 2025, un acto que xirou arredor do lema “O mérito invisible” e que quixo recoñecer o traballo constante de deportistas, clubs e entidades deportivas da provincia.
O presidente da Deputación, Luis López, e a vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, sinalaron que “deportistas, clubs, infraestruturas e eventos” son os catro piares sobre os que medra e se sustenta a provincia do deporte.
A gala serviu para render homenaxe ao veterano atleta Manuel Rosales, unha figura imprescindible do deporte galego con máis de 48 medallas no seu palmarés e un compromiso admirable coa práctica deportiva, incluso aos seus 90 anos. López definiu a Rosales como “a esencia desta provincia do deporte”, subliñando tanto os seus méritos visibles —as medallas— como os invisibles: a súa constancia, o seu exemplo de vida saudable e a súa contribución á formación de novos clubs de atletismo.
O evento, conducido por Xisela Aranda e o xornalista Armando Álvarez, comezou coa proxección dun vídeo dedicado ao mérito invisible do deporte pontevedrés e continuou cunha intervención da vicepresidenta Luisa Sánchez, que reivindicou a importancia de valorar o esforzo máis alá dos resultados: “Por que non se pode fallar? Non sempre hai que gañar. O deporte debe ensinar a superarse a unha mesma, non necesariamente a superar aos demais”, afirmou.
A continuación, a gala contou cunha entrevista con figuras do deporte provincial como a ximnasta Melania Rodríguez ou a tiradora Judith Rodríguez, unha exhibición de taekwondo a cargo do Club Hebe e un vídeo do programa O Noso Club, iniciativa destinada a crear unha canteira deportiva provincial. A ceremonia concluíu cunha exhibición de flatland BMX previa á entrega do recoñecemento a Manuel Rosales.
Na súa intervención final, Luis López detallou os avances impulsados pola Deputación en cada un dos catro piares do deporte. Entre eles, as axudas récord a 436 deportistas de alto nivel, o apoio directo a máis de 700 clubs deportivos, e programas como DEPOVAN, que destina 600.000 euros á adquisición de vehículos para entidades deportivas.
En materia de infraestruturas, destacou os 20 millóns de euros mobilizados a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o investimento de 13,3 millóns de euros na reforma de Balaídos e melloras en pavillóns como o Príncipe Felipe.
O cuarto piar, os eventos deportivos, continúa consolidándose con probas de repercusión internacional: mundiais de vela, etapas da Volta e do Gran Camiño, competicións automobilísticas, partidos de seleccións nacionais e series mundiais de tríatlon, entre outras.
“O deporte é unha fiestra que proxecta as Rías Baixas como o que son: un territorio único, fermoso e incomparable para a práctica deportiva. Os deportistas sodes a alma desta provincia”, concluíu o presidente.