A Deputación renova o seu apoio ao Vigo SeaFest para promover o consumo de peixe e a cultura en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou na presentación da nova edición do Vigo SeaFest que a institución provincial renova o seu compromiso co festival cunha achega de 55.000 euros á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI). A vicepresidenta salientou o papel do evento na promoción do peixe galego, especialmente nun contexto de descenso do seu consumo, e puxo en valor a súa capacidade para atraer á cidadanía.
Na presentación, celebrada no Real Club Náutico de Vigo, déronse cita os chefs responsables dos 14 pratos de autor que se poderán degustar no festival, que se desenvolverá entre o 10 e o 13 de xullo nos xardíns de Montero Ríos. Nesta sexta edición, a Deputación patrocinará os dous escenarios musicais, polos que pasarán artistas como Clarence Bekker Band, The Lákazans, The Hurt Fingers, Planeta Marte, Blue Monk e varios DJs. A programación musical complétase con actividades familiares e infantís, propostas sobre tradicións mariñeiras e medio mariño, así como accións deportivas.
Luisa Sánchez destacou a importancia económica e cultural do mar para a provincia e, especialmente, para a cidade de Vigo, que conta co porto pesqueiro máis grande de Europa en peixe para consumo humano. Felicitou a ARVI pola organización do festival e animou a toda a cidadanía a gozar do Vigo SeaFest.