A dimisión de Tomé á fronte da Deputación será efectiva este venres e o PSOE provincial estará a cargo dunha xestora

A Deputación de Lugo prepara a substitución de José Tomé, que fará oficial a súa renuncia este venres, mentres o PSdeG inicia o proceso de reorganización interna. A saída de José Tomé Roca da Presidencia da Deputación de Lugo e da Secretaría Xeral do PSdeG na provincia, a raíz das acusacións de acoso sexual difundidas nun programa de televisión, puxo en marcha unha intensa actividade tanto na institución provincial como no partido socialista lucense.
No seo do PSdeG, a dimisión xa foi presentada formalmente ante o grupo provincial, que aínda debe trasladar á organización unha comunicación oficial para activar o procedemento previsto: a designación dunha xestora. Será a dirección galega quen propoña un equipo provisional para a provincia, aínda que a Executiva nacional terá a última palabra. Desde a formación avanzan que estes movementos se resolverán nun prazo curto, e que a xestora funcionará durante un mínimo de tres meses.
Paralelamente, na Deputación de Lugo está previsto que a renuncia de Tomé se faga efectiva este venres. Ese mesmo día detallaranse os pasos do relevo institucional, que inclúe a súa incorporación como deputado non adscrito e a elección dun novo presidente ou presidenta. Entre os nomes que máis soa están o de Pablo Rivera, alcalde en funcións de Láncara, e Carmela López, rexedora de Burela.
Durante a xornada deste mércores, Tomé mantivo diversas reunións na sede provincial para formalizar o proceso iniciado onte na súa comparecencia en Monforte, onde anunciou a súa renuncia aos cargos orgánicos e institucionais, pero non á Alcaldía da localidade, que conservará como edil non adscrito. Tamén está pendente a convocatoria dun pleno extraordinario en Monforte para facer efectivo o paso de todo o seu equipo de goberno municipal ao grupo de non adscritos.
Pola contra, no ámbito provincial, os deputados socialistas non seguirán este camiño. Algúns dirixentes como Carlos López (A Fonsagrada) ou Francisco Cajoto (Foz) confirmaron que manterán a súa afiliación ao PSOE, e desde o Grupo Provincial aseguran que non agardan máis movementos.
Respecto das supostas denuncias mencionadas no programa de televisión, o PSdeG lucense insiste en que non recibiu confirmación oficial da súa existencia nin do seu contido, e lembra que existe mesmo discrepancia sobre o número de supostas denuncias. José Tomé reiterou onte que todo o difundido é falso, negou calquera tipo de acoso sexual e avanzou que emprenderá accións legais para defender a súa honra.
A crise tamén xerou movementos na dirección do PSdeG a nivel galego. O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, traballa na composición da xestora e na proposta de quen debe encabezar a Deputación no novo escenario. Tamén se reunirá en Santiago a comisión de igualdade do partido, que analizará as implicacións do caso e podería adoptar novas posicións ao respecto.
CONTINÚAN AS REACCIÓNS
A portavoz nacional, Ana Pontón, referiuse desde Vigo á dimisión de José Tomé como presidente da Deputación de Lugo e reiterou que unha persoa acusada de acoso sexual non pode formar parte do Goberno da Deputación, nin seguir á fronte da institución. Pontón quixo reafirmar en primeiro lugar o apoio do BNG ás mulleres denunciantes.
“As nosas primeiras palabras teñen que ser de solidariedade e de apoio ás mulleres que sufriron unha situación que nos indigna, que nos repugna, unha situación que a calquera persoa lle ten que revolver algo por dentro e, polo tanto, o primeiro é precisamente acompañar ás mulleres que presentan unha denuncia”, remarcou.
Pontón explicou que a posición do Bloque foi moi clara desde o primeiro momento e que non se vai mover “nin un ápice” dela, dado que unha persoa con “acusacións tan graves como é o acoso sexual, non pode estar á fronte” da Deputación de Lugo. “Cremos que por dignidade, por respecto á política e por respecto á cidadanía, o que tiña que facer era dimitir de todas as súas responsabilidades”, afirmou para indicar a continuación que “o ideal sería que esa persoa que forma parte da dirección do Partido Socialista dimitira de todas as súas responsabilidades e de todos os seus cargos”.
O PPdeG, a través de Paula Prado, reclamou a dimisión inmediata de José Tomé como deputado provincial e alcalde de Monforte, instando tamén ao BNG a romper coa coalición co PSOE e priorizar os dereitos das mulleres.
A secretaria xeral expresou o seu rexeitamento absoluto ás condutas atribuídas a Tomé e acusou o PSOE de amparar comportamentos machistas, cuestionando así a súa autoridade moral en materia de igualdade.
Prado pediu que todas as denuncias coñecidas se trasladen á Fiscalía e criticou a “hipocrisía” tanto do PSOE como do BNG, a quen insta a retirar o seu apoio ao goberno provincial se realmente condena estes feitos. Tamén advertiu de que Tomé non debería participar en decisións institucionais mentres non se esclarezan as acusacións. O PPdeG lamentou ademais o dano causado á imaxe de Lugo e Monforte e acusou os socialistas de non ofrecer explicacións claras sobre o ocorrido.
Pola súa banda, o PP de Lugo esixe ao BNG aclarar se apoiará un goberno provincial sustentado por José Tomé, quen dimitiu da presidencia da Deputación pero mantén as súas actas como non adscrito.
Os populares piden ao BNG definir se está “coas vítimas ou cos presuntos acosadores” e lembran que é responsabilidade súa decidir se mantén acordos que poidan depender de Tomé. Reclaman tamén explicacións ao PSOE, a quen acusan de contradicións e falta de transparencia sobre as denuncias.
O PP insta a Tomé a renunciar ás actas na Deputación e no Concello de Monforte e pregunta a PSOE e BNG quen está realmente á fronte do goberno provincial. O portavoz Antonio Ameijide alerta do risco de que Tomé continúe dirixindo “na sombra” a Deputación e reclama claridade sobre a futura estrutura de goberno.
Tamén fixo pública a denuncia da situación CCOO, que expresa o seu total apoio ás mulleres que denunciaron internamente ao socialista José Tomé por presunto acoso sexual e condena rotundamente este tipo de condutas. O sindicato alerta da extrema gravidade dos feitos publicados e sinala a posible inacción de dirixentes do PSOE que, segundo informacións xornalísticas, coñecían advertencias previas.
Considera insuficiente a dimisión de Tomé da Presidencia da Deputación, xa que mantén a acta provincial e a Alcaldía de Monforte, polo que pide a súa saída de todos os cargos. Reclama tamén ao PSdeG que dea explicacións e actúe con transparencia, criticando o seu silencio. CCOO cuestiona que o BNG continúe sustentando o goberno provincial con posibles votos dun deputado baixo acusacións tan graves.
Pregunta a ambos partidos se están dispostos a aprobar acordos apoiándose en alguén sinalado por acoso. O sindicato lembra que as institucións deben garantir espazos libres de acoso e que a defensa das vítimas debe prevalecer sobre calquera interese político.