A ensinanza galega recibe 690 auxiliares de conversa de 19 países en 791 centros

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida aos 690 auxiliares de conversa procedentes de 19 países que este curso colaborarán na aprendizaxe de linguas estranxeiras na ensinanza galega. Fano en 791 centros educativos repartidos por 238 concellos.
Rodríguez salientou que Galicia acada este ano “un novo récord histórico”, multiplicando por máis de dez os 67 auxiliares que había no 2009. Esta aposta, dixo, enmárcase no compromiso da Xunta por garantir ao alumnado igualdade de oportunidades na aprendizaxe de idiomas, unha competencia esencial no século XXI.
Segundo lembrou, Galicia lidera o nivel de inglés en España segundo o ranking internacional EF EPI. Neste sentido, enmarcou esta medida dentro da Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe 2030, que inclúe tamén a rede de 522 centros plurilingües.
Experiencia cultural
O conselleiro animou as persoas auxiliares a aproveitar a súa estadía tamén como experiencia cultural. “Iniciades hoxe un camiño que vai máis aló do formativo, unha experiencia de irmandade entre culturas e pobos que vai ser moi enriquecedora para todas as partes”, destacou.
Lembrou ademais que o informe PISA sitúa o alumnado galego á cabeza en respecto e tolerancia cara outras culturas, xunto co canario. Tras 15 anos de funcionamento, o programa mantén un alto grao de satisfacción: o 99% das coordinacións valoran positivamente este apoio e o 50% das persoas auxiliares solicitan renovar un curso máis en Galicia.
Idiomas e investimento
Estas persoas prestarán apoio ao ensino de cinco linguas diferentes: inglés, francés, portugués, alemán e chinés. Participan en actividades docentes baixo a supervisión dunha persoa coordinadora e reciben unha axuda económica.
A iniciativa supón un investimento global de 5,2 millóns de euros, dos que 4,8 son achegados pola Xunta e o resto por entidades colaboradoras como o Ministerio de Educación, a Comisión Fulbright, a Oficina do Consello Internacional da Lingua China-Hanban ou o Instituto Camões.