A EPA constata a caída da poboación activa en Galiza e o medre do número de persoas desempregadas

A Enquisa de Poboación Activa constata a perda de emprego e poboación activa en Galiza, mentres a CIG reclama a derrogación das reformas laborais e un marco lexislativo que garanta estabilidade e salarios dignos.
Paro
1 May 2025

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao primeiro trimestre do ano volve poñer en evidencia a situación do mercado laboral galego. A taxa de paro aumentou un 1,5%, mentres que a ocupación descendeu un 0,3%, o que supón 3.200 persoas menos traballando que no último trimestre de 2024. Ademais, Galiza perdeu 1.600 persoas activas, e o número de fogares con todas as persoas no paro aumentou do 41 ao 42,4%.

Por sectores, só o industrial experimentou un crecemento (2,7% máis de persoas ocupadas), mentres que o resto rexistraron perdas, sendo o primario o máis afectado en termos relativos e a construción en termos absolutos.

O emprego con contrato temporal caeu un 14,6%, mentres que os contratos indefinidos apenas medraron un 1,7%. Por sexos, a taxa de ocupación feminina subiu un 1%, mentres que a masculina baixou un 1,5%, deixando 8.800 homes máis sen emprego. A taxa de paro media subiu unha décima, sendo a masculina a que máis aumentou.

Precariedade estrutural

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, atribúe estes datos ao modelo laboral baseado na precariedade, os baixos salarios e a estacionalidade. Lembra que, malia o medre económico estatal, Galiza segue perdendo emprego e poboación activa, e demanda unha lexislación que garanta estabilidade, suba de salarios e remate coas novas formas de precarización.

Sío denuncia que, a pesar de que na UE o desemprego baixou un 5%, Galiza mantense entre as zonas con maior paro. Ademais, critica a “trampa estatística” dos contratos fixos-descontinuos, que non computan como paro aínda que moitas veces non impliquen ingresos.

Tamén alerta sobre a situación de pobreza laboral: un 36% das persoas traballadoras declaran ingresos inferiores ao SMI, segundo a Axencia Tributaria. A CIG denuncia que moitas persoas malviven con empregos parciais, salarios baixos e en sectores marcados pola subcontratación, como as ETT, os centros especiais de emprego ou as empresas multiservizos.

Por todo isto, a CIG volve reclamar a derrogación das reformas laborais de 2010, 2012 e 2021, a recuperación de dereitos laborais e a creación dun marco galego de relacións laborais que permita decidir desde Galiza sobre as condicións de traballo no país.

⚙ Configurar cookies
0.12032914161682