A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol celebrará en xaneiro unha nova xornada de portas abertas para alumnado de Bacharelato e FP

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), organizará o próximo venres 22 de xaneiro unha nova edición da xornada de portas abertas «Día da Enxeñaría», dirixida a alumnado de Bacharelato Tecnolóxico e de ciclos formativos de FP Superior de toda Galicia.
A actividade desenvolverase entre as 09:30 e as 14:00 horas e permitirá aos participantes achegarse á oferta formativa da escola, así como coñecer algúns dos laboratorios e instalacións do centro.
A EPEF imparte os graos en Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Naval e Oceánica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, ademais do Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica.
A oferta académica inclúe tamén o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e o grao aberto en Enxeñaría Industrial. Esta última titulación permite ao alumnado decidir durante o segundo curso que especialidade cursará finalmente, podendo optar por Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Eléctrica ou Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.
Inscrición ata o 3 de decembro
Os centros educativos interesados en participar na xornada deberán realizar a inscrición a través do formulario habilitado pola organización antes das 14:00 horas do xoves 3 de decembro.
As prazas son limitadas. Para obter máis información, os centros poden contactar coa organización a través do correo electrónico subdireccion.estudantado.difusion.epef@udc.gal ou do teléfono 881 01 3226.