A escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé gaña o XLIV Premio de Novela Longa Eduardo Blanco-Amor

Trátase do galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, outorgado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor
xurado-premio-blanco-amor-2025
Xurado do XLIV Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor
24 Nov 2025

A escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé gaña o XLIV Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor, pola súa obra “Boundaries Road SW12 8HD”, que narra a historia de Cilla, unha tradutora galega de 30 anos emigrada en Londres que aluga unha habitación na casa dunha parella acomodada.

Trátase do galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, e está dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano. De feito, tres dos galardoados deste premio foron despois recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa (Marilar Aleixandre, Xesús Fraga e Alfredo Conde).
O certame está organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, que farán entrega do premio nunha gala literaria o próximo 5 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 75 orixinais presentados a este certame que bateu o seu récord histórico de participación. O xurado, presidido por Luis González Tosar, xunto con Heitor Mera, César Lorenzo e Inés Mosquera, actuando como secretaria Noelia García Díaz, valorou o estilo “moderno” da obra, que dialoga coa literatura actual, e destacoy a “creación dun universo narrativo con gran pegada poética”, así como as personaxes “elaboradas con moita coherencia”. A transición da historia doméstica da protagonista en Londres entronca coa historia do éxodo xudeo de Exipto, unha conexión que para os membros do xurado lle dá “gran profundidade á obra”.

Ademais, puxeron en valor a “introdución da corrente de conciencia da narradora” e a temática da obra, que se achega á nova emigración a Europa e se desenvolve cun ton “de alto ritmo”, en palabras do xurado.

O fallo tamén recolle a voz narrativa “neurótica, culta, irónica e introspectiva” da narradora, Cilla, e salienta a súa prosa “moi condicionada, cun vocabulario rico e un ritmo que oscila entre a descrición minuciosa e a reflexión filosófica”. Deste xeito, a obra recolle referencias culturais a Stendhal, Picasso ou a música ska.

Cecilia Fernández Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista, e ten participado en proxectos de xornalismo colaborativo como “Toonari Post” ou “55 Pages”, ademais de codirixir a revista en liña “Coolt”. En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato «34, Rue Saint Jacques». En 2021, obtivo o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por “As orfas daquel verán”. Tamén é autora das novelas “Quérote. Eu tampouco» (Xerais, 2019), “Unha rapaza de provincias” (Xerais, 2021) e “As despedidas” (Xerais, 2024).

⚙ Configurar cookies
0.26006603240967