A Estratexia da Xunta contra a soidade non desexada contará cun teléfono específico e redes de apoio local nos barrios e parroquias

O Goberno galego anuncia novas medidas para combater a soidade non desexada, como unha rede comunitaria de apoio a maiores e un servizo de atención multicanal en colaboración coa Cruz Vermella. A Estratexia conta cun orzamento de 145 millóns de euros.
Rueda
6 May 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego reforzará a súa Estratexia contra a Soidade non Desexada cunha serie de novas medidas, entre as que destacan a creación dun servizo multicanal de atención e o impulso de redes de apoio local. O obxectivo, segundo sinalou, é dar resposta “a un dos grandes desafíos sociais da nosa época”.

A Estratexia, aprobada este luns no Consello da Xunta, estará dotada con máis de 145 millóns de euros e estrutúrase arredor de catro eixos fundamentais: detección, sensibilización, prevención e intervención.

No eixo da detección, crearase un protocolo específico para identificar situacións de illamento, un censo de persoas afectadas, e impulsarase a coordinación cos traballadores sociais dos concellos e da Atención Primaria. Tamén se usará o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como ferramenta clave para activar recursos de apoio.

Unha das principais novidades será a posta en marcha de redes de apoio local, formadas por comercios de barrio, farmacias, cafeterías, carteros, centros parroquiais ou asociacións veciñais. Estes establecementos e entidades colaboradoras contarán cun distintivo e alertarán os servizos sociais no caso de detectar sinais de alarma en persoas maiores da súa contorna.

No ámbito da sensibilización, desenvolveranse campañas informativas, formación en centros educativos e recoñecementos a persoas e entidades que loitan contra a soidade.

Na prevención, a Estratexia inclúe actividades interxeracionais, rutas culturais, programas de acompañamento dixital para maiores e o impulso do Carné +65.

Finalmente, no eixo da intervención, destacan medidas como vivendas compartidas tipo cohousing, voluntariado específico, cafés grupais, e a colaboración con protectoras de animais para fomentar a adopción de mascotas por parte de persoas maiores.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou ademais a inminente posta en marcha dun servizo de atención multicanal en colaboración coa Cruz Vermella, que incluirá atención telefónica, puntos presenciais e seguimento individualizado dos casos. O programa iniciarase como piloto con 1.000 persoas maiores de 65 anos.

⚙ Configurar cookies
0.11597514152527