A Facultade de Matemáticas da USC está no quinto posto entre as 50 mellores de España

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destaca o liderado universitario de Galicia no ámbito matemático a nivel estatal, coa Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela no quinto posto da clasificación das 50 mellores de España segundo a publicación de El Mundo. Así o sinalou durante a inauguración do XXVII Encontro Nacional de Estudantes de Matemáticas, que durante esta semana reúne na capital de Galicia unhas 300 persoas participantes de todas as facultades de España.
Así mesmo, o titular de Educación do Goberno galego destacou a aposta da Xunta por reforzar a aprendizaxe das matemáticas nas aulas galegas co obxectivo de preparar “o mellor posible” as novas xeracións de estudantes. Neste sentido, subliñou o peso “cada vez maior” dos coñecementos de áreas como as matemáticas, a física ou a intelixencia artificial na formación do alumnado de cara ao seu futuro profesional e laboral. De aí que a Xunta de Galicia teña en marcha unha folla de ruta para reforzar esta aprendizaxe cunha liña específica a través do Plan MEGA, de mellora educativa de Galicia, no que se aposta polo fomento das competencias clave.
Román Rodríguez felicitou a organización por este encontro, que conta cunha ampla axenda de charlas e relatorios para o intercambio e a actualización de coñecemento entre expertos do ámbito académico e empresarial. Tamén emprazou os estudantes a aproveitar o evento para coñecer os últimos avances, tendencias e aplicacións prácticas nesta área de coñecemento.