A FAXPG convoca novos cursos de lingua de signos tras superar os 900 alumnos durante o último ano

Trátase de formacións ás que pode apuntarse calquera persoa interesada en coñecer o idioma
linguaxe-de-signos
18 Jul 2026

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición dos seus cursos de Lingua de Signos Española (LSE), unha oferta formativa dirixida a todas aquelas persoas interesadas en aprender este idioma e contribuír a unha sociedade máis accesible e inclusiva.

A FAXPG, entidade que representa o movemento asociativo de persoas xordas en Galicia e pertencente á Rede Estatal de Ensino da LSE, leva máis de tres décadas liderando o ensino da Lingua de Signos Española en Galicia. A formación é impartida por profesorado xordo nativo, Especialistas en LSE, que se encargan de impartir as clases e acompañar o alumnado durante todo o proceso.

A aprendizaxe da Lingua de Signos Española adquire ademais unha relevancia especial no actual contexto normativo. A recente aprobación do Real Decreto 262/2026, que crea os Diplomas de Lingua de Signos Española (DLSE), establece por primeira vez un sistema oficial para acreditar o nivel de competencia nesta lingua en todo o Estado. A próxima implantación destes diplomas supón un importante paso adiante para o seu recoñecemento social e institucional e reforza o interese daquelas persoas que desexan adquirir unha formación regulada e acreditar oficialmente os seus coñecementos.

Desde a FAXPG valoran moi positivamente a crecente demanda destes cursos, que durante a última década sumaron máis de 7.000 alumnos e alumnas —900 deles só no último ano—, e lembran que a súa aprendizaxe contribúe a eliminar barreiras de comunicación e a favorecer a participación plena das persoas xordas en todos os ámbitos da sociedade.

Nos últimos anos, a modalidade en liña converteuse na opción máis demandada grazas á flexibilidade que ofrece a quen compatibiliza a formación cos seus estudos, traballo ou outras responsabilidades. Non obstante, a federación mantén tamén unha ampla oferta presencial nas sete cidades galegas, con grupos de mañá e tarde adaptados a distintas necesidades horarias.

As persoas interesadas poden consultar toda a información sobre niveis, horarios e modalidades na páxina web www.faxpg.es, onde tamén está dispoñible o formulario de matrícula. Así mesmo, a federación atende consultas a través do teléfono 981 16 93 36 e do correo electrónico lsecursos@faxpg.es.

0.27813696861267