A Federación Down Galicia reunirá en Santiago a comunidade educativa para reflexionar sobre o futuro da educación

A Federación Down Galicia reunirá en Santiago á comunidade educativa os días 24 e 25 de outubro para reflexionar sobre o futuro da educación inclusiva, cun congreso que contará con referentes estatais, mesas de experiencias e a participación de alumnado e familias.
Down Galicia
2 Sep 2025

Os días 24 e 25 de outubro, Santiago de Compostela converterase no epicentro do debate sobre a educación inclusiva coa celebración do congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas”, organizado pola Federación Down Galicia no Palacio de Congresos e Exposicións.

Durante dúas intensas xornadas, profesionais de renome a nivel estatal como Gerardo Echeita, Coral Elizondo e Antonio Márquez compartirán coñecementos e experiencias arredor da escola inclusiva, abordando temas clave como o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), a neurodiversidade ou os retos da participación social.

Tamén intervirán Nuria Aparicio, vicepresidenta de Solcom, e o avogado Juan Rodríguez Zapatero, referente na defensa do dereito á educación inclusiva. Ademais, haberá mesas de experiencias nas que centros educativos galegos e doutros puntos do Estado, así como alumnado e familias, presentarán boas prácticas.

A apertura institucional terá lugar o venres 24 ás 16:30 horas cunha conferencia inaugural a cargo de Nuria Aparicio sobre o cumprimento da Convención en materia educativa. Esa mesma tarde, Rodríguez Zapatero ofrecerá unha ponencia sobre a evolución da xurisprudencia e moderará unha mesa con alumnado e familias. A xornada pecharase cunha mesa redonda sobre a realidade da educación inclusiva en España, coa participación de representantes institucionais.

O sábado 25 estará centrado nas conferencias de Echeita, Elizondo e Márquez, ademais da presentación de iniciativas inclusivas desenvolvidas en diferentes etapas educativas. O congreso pechará coa experiencia do CEE Asprona de Almansa (Albacete), que compartirá o seu proceso de transformación en centro de recursos para a escola ordinaria.

Este evento, homologado pola Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades, está dirixido principalmente a profesorado, equipos directivos e de orientación, pero tamén a estudantes, familias e persoas interesadas en avanzar cara a unha educación máis equitativa.

A inscrición é gratuíta, con prazas limitadas, e permanecerá aberta ata o 6 de outubro a través da web www.congreso.downgalicia.org
.

⚙ Configurar cookies
0.3564338684082