A Festa dos Feroz convoca este sábado en Pontevedra ás estrelas do cinema e das series

A cidade de Pontevedra convértese esta fin de semana no epicentro do audiovisual estatal coa celebración da décimo terceira edición dos Premios Feroz, que terá lugar este sábado no Pazo da Cultura. Será a segunda vez que a gala se celebra na Boa Vila e reunirá a algunhas das figuras máis destacadas do cinema e das series do último ano.
Entre as persoas confirmadas atópanse intérpretes e creadoras de referencia como María de Medeiros, Candela Peña, Anna Castillo, Álvaro Morte, Ricardo Gómez, Javier Cámara, Leonor Watling, Javier Ambrossi, Javier Calvo, Eduardo Casanova, María León, Nora Navas, Asier Etxeandia, Leticia Dolera, Patricia López Arnaiz, Ingrid García-Jonsson, Natalia de Molina ou Yurena, entre moitas outras.
A gala servirá tamén para render homenaxe á actriz Marta Fernández-Muro, que recibirá o Premio Feroz de Honra pola súa traxectoria. A cerimonia estará presentada por Petra Martínez, Samantha Hudson, Elisabet Casanovas e Antonio Durán “Morris”, que conducirán unha noite marcada polo humor, a ironía e a celebración dunha tempada especialmente exitosa para o audiovisual español.
As producións con maior número de candidaturas, como Los domingos, Poquita fe e Superestar, estarán amplamente representadas polos seus equipos artísticos e técnicos, do mesmo xeito que outras películas e series destacadas desta edición. En total, entregaranse 21 estatuíñas: once de cinema, sete de series, dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz de Honra.
Os Premios Feroz reforzan nesta edición o seu compromiso coa accesibilidade. A gala contará con intérpretes de lingua de signos tanto no escenario como na retransmisión televisiva, que poderá seguirse en directo a través de RTVE, na 2 e en RTVE Play, a partir das 22:00 horas. A alfombra vermella emitirase en directo desde as 18:30 a través da canle oficial dos Feroz en YouTube.
A cerimonia estará organizada pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España, coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra, ademais do apoio de numerosas entidades públicas e privadas vinculadas ao sector cultural e audiovisual.