A Festa dos Maios volve este xoves á Ferraría

A praza da Ferraría de Pontevedra volverá acoller este xoves, 1 de maio, unha nova edición da tradicional Festa dos Maios. A historiadora María Vidal Solla será a encargada de dar a benvida ao maio nun acto que precederá ao popular concurso, que comezará ás 11.00 horas e contará con sete maios participantes.
Este ano, competirán na celebración os maios de San Xulián de Marín, Marcos da Portela, Maio de Figueirido, Maio da Asociación Cultural-Deportiva Campañó, Maio do colexio Froebel, Maio do colexio Campolongo e Maio de Marcón. Os participantes disputaranse os galardóns ao mellor maio, mellor interpretación, mellores coroas e mellores letras.
A Concellaría de Cultura, dirixida por Demetrio Gómez, destina un total de 6.250 euros en premios para esta edición. Cada maio participante recibirá unha achega de 150 euros, e concederase un premio especial do xurado de 300 euros, ademais dos recoñecementos ás diferentes categorías.
A Festa dos Maios, unha das celebracións máis arraigadas da primavera galega, enche cada ano a Ferraría de música, cor e tradición, converténdose nun espazo de encontro interxeracional e de reivindicación da cultura popular.