A FP galega superará as 50.000 prazas de novo ingreso o próximo curso, segundo a Xunta

O presidente apunta que “un ano máis volve ser un novo récord a oferta porque tamén sobe moito a demanda”
investigacion-laboratorio
2 Jun 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que a formación profesional galega supera a barreira das 50.000 prazas ao ofertarse un total de 50.244 prazas de novo ingreso (un 2,22 % máis cun incremento de 1.080 prazas) o vindeiro curso. Rueda apuntou que “un ano máis volve ser un novo récord a oferta porque tamén sobe moito a demanda”, feito que enmarcou na “revolución silenciosa que a Xunta de Galicia vén impulsando hai moito tempo” na formación profesional.

As prazas distribúense en en 277 ofertas diferentes (44 delas de nova implantación), entre os 159 ciclos (un novo) de grao básico, medio e superior, 33 másters (catro novos), 27 títulos de alta especialización (seis novos), 45 formacións aceleradas (34 delas de nova implantación) e 14 programas formativos.

A nova oferta, que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentou hoxe no Consello da Xunta, reflicte un crecemento cuantitativo sostido no tempo, que nos últimos catro anos foi do 33,41 %, ao tempo que afianza un impulso cualitativo cunha aposta sen precedentes pola calidade, a especialización, a flexibilidade e a internacionalización destas ensinanzas como un referente no conxunto do Estado.
Primeira titulación internacional

De feito, unha das novidades de cara ao vindeiro curso é, tal e como subliñou Rueda, a implantación do “primeiro ciclo internacional de FP nun centro público de España”, en concreto no Instituto Fernando Wirtz Suárez da Coruña. Este dobre ciclo internacional que combina o currículo galego co currículo británico corresponderase co ciclo superior de Desenvolvemento e Aplicacións Multiplataforma. Trátase dun proxecto piloto en que os alumnos que o escollan van obter unha titulación recoñecida internacionalmente de xeito directo en moitos países sen necesidade de someterse a un proceso de homologación.

Esta nova oferta, pioneira e inédita ata o de agora en España nun centro público, é posible grazas ao novo decreto galego de FP aprobado este ano, que é moito máis ambicioso que a normativa estatal ao establecer a posibilidade de deseñar títulos de carácter internacional a través da combinación de currículos de aplicación en Galicia con currículos doutros países.
Itinerarios integrados para frear o abandono escolar

Precisamente, atendendo a un dos principais obxectivos do Plan FPGal360, un dos aspectos en que se fai máis fincapé é no reforzo das opcións para favorecer a permanencia do alumnado no sistema educativo e frear o abandono temperán.

Neste senso, outra das novidades da oferta deste vindeiro curso é a posta en marcha dun itinerario integrado entre un ciclo de grao básico e o ciclo de grao medio co obxectivo de “mitigar o abandono escolar, especialmente nas disciplinas de FP onde máis se produce”. Farase, como experiencia piloto, cos ciclos de grao básico en Cociña e Restauración e grao medio en Cociña e Gastronomía ou en Servizos en Restauración no Centro Integrado de FP CIFP Compostela, en Santiago.

Así pois, os alumnos que se matriculen no mencionado grao básico terán asegurada a súa continuidade nos citados ciclos de grao medio de forma directa sen necesidade de realizar unha nova solicitude e entrar no proceso de selección, se for o caso. Trátase de darlles as máximas facilidades para que continúen os seus estudos, se así o desexan, en prol dunha maior e mellor cualificación profesional de cara ao seu futuro persoal e laboral.

Reforzo da FP acelerada, FP básica adaptada e para adultos

A maiores destas novidades, a oferta de FP para o vindeiro curso vai ir consolidando outras novas vías formativas que arrancaron de xeito innovador o curso que agora remata, como son a FP acelerada, a FP básica adaptada e a FP básica para adultos.

No caso da FP acelerada, ofertaranse un total de 45 formacións aceleradas (este curso foron 18) con 1.826 prazas (un 88,64 % máis) en 83 grupos de formación distribuídos por distintos puntos da xeografía galega: A Coruña, Carballeda de Valdeorras, Cedeira, Culleredo, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Ribadeo, Ribeira, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilamarín. Céntrase especialmente en sectores como a hostalaría, a automoción, as enerxías renovables ou a carpintaría metálica, entre outros.

Cómpre lembrar que esta modalidade é unha vía única e exclusiva de Galicia que consiste nunha formación concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración que representa unha dobre vantaxe xa que lle proporcionará ás persoas unha formación rápida para o acceso ao mercado laboral e as empresas disporán de man de obra cualificada dun xeito áxil, sobre todo naqueles sectores onde hai máis demanda. As persoas que optan a esta modalidade reciben unha certificación profesional e, ademais, poderán validala para a obtención dun futuro título formativo.

Tamén, ao abeiro do Plan FPGal360, se reforzan aquelas opcións formativas enfocadas a maximizar o éxito do alumnado, á inclusión e cualificación dos colectivos máis vulnerables e a loita contra o abandono escolar, como é o caso da FP básica adaptada e a FP básica para adultos.

A FP básica para adultos, enfocada en favorecer a capacitación profesional e a reinserción académica de persoas que no seu momento abandonaron o sistema, refórzase o vindeiro curso cun total de cinco ciclos e 144 prazas (+300 % con respecto a este curso).

A maiores dos dous que este ano se implantaron a modo de experiencia piloto e que se manteñen (Mantemento de Vehículos no CIFP Ferrolterra e Servizos Administrativos na EPAPU Berbés de Vigo), tamén se ofertan nesta modalidade os de Industrias Alimentarias no Instituto Sanxillao (Lugo), de Informática de Oficina no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) e de Mantemento de Vivendas no IES Chan do Monte (Marín) e no IES Plurilingüe de Valga. Así mesmo, o xa implantado de Servizos Administrativos na EPAPU Berbés de Vigo tamén se ampliará ao CIFP Porta da Auga (Ribadeo) e á EPAPU de Ourense

A FP básica adaptada refórzase con 36 prazas (o dobre que as 18 deste ano) para o programa formativo de Comercio no Centro de Educación e Promoción de Adultos EPAPU Berbés de Vigo.

O rural galego amplía a súa oferta adaptada, con 8.487 prazas novas, un 3,12 % máis.

Co obxectivo de ofrecer a máxima cualificación posible, a Xunta continúa apostando tamén polo resto de modalidades de formación, como é o caso da FP dual intensiva, que o vindeiro curso dispón de 6.582 prazas (+3,72 %)

No que atinxe aos másters, son 2.260 as prazas de novo ingreso (+3,10 %) repartidos en 99 grupos distribuídos por toda a xeografía galega.

Pola súa banda, os títulos de alta especialización suman 738 prazas en 27 títulos (seis deles de nova implantación) e 31 grupos. Cómpre lembrar que esta modalidade é unha formación especializada para dar resposta a demandas moi específicas das empresas.

Todos os detalles da oferta ao longo do territorio serán presentados nos vindeiros días.

0.33688616752625