A Fundación Otero Pedrayo entrega os seus premios para estudantes de Secundaria e Bacharelato

Nesta edición foron recoñecidos os institutos Ribeira do Louro do Porriño, o Castelao de Vigo e o Xulián Magariños de Negreira
premios-otero-pedrayo-estudantes
16 Mar 2026

Amoeiro acolleu este luns a entrega da quinta edición dos Premios Otero Pedrayo para estudantes de Secundaria e Bacharelato, que nesta edición distinguiu os institutos Ribeira do Louro, do municipio pontevedrés do Porriño, e o Castelao, de Vigo. Así mesmo, recoñeceu o valor dun traballo dun alumno centro Xulián Magariños, do concello coruñés de Negreira, e que será publicado na revista Trasalba.

Os galardóns, impulsados desde a Fundación Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia, foron entregados no Pazo de Trasalba, lugar de residencia do autor e actualmente convertida en casa museo.

Así, o primeiro galardón foi para ‘Os camiños da vida', de Noa Rodríguez Muñoz e Sergio Lage, alumnos de Bacharelato do instituto Ribeira do Louro, do Porriño, pola calidade da imaxe, a coidada edición e a excelente documentación.

A segunda distinción recae no traballo ‘Un meniño naipelo no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo e os seus veráns en Vigo (1895-1901)’, elaborado por un grupo estudantes do instituto Castelao, de Vigo. O xurado salientou o excelente labor de documentación e a implicación do alumnado.

A maiores deste dous premios, acordouse propoñer a publicación na revista Trasalba, que publica cada ano a Fundación Otero Pedrayo, do proxecto presentado baixo o lema ‘Alon’, de Juan Mosquera Magariños, alumno de Bacharelato do centro Xulián Magariños, de Negreira.

Durante o acto, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou a relevancia deste certame pola súa “importante contribución para ampliar o coñecemento entre as xeracións máis novas do Patriarca das Letras Galegas, que se fai especialmente máis significativa nun edición que coincide co celebración do Ano Oteriano”.

Precisamente, lembrou que o Goberno galego atópase actualmente traballando coas principais institucións culturais galegas para consensuar o deseño dunha programación conxunta ao redor “dunha das grandes efemérides e citas deste ano en Galicia”, coa que se buscará acadar de forma conxunta “a posta en valor e a maior difusión da relevancia da figura e valioso legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea”.

O representante do Goberno galego valorou traballos presentados nesta edición para “manter vixente entre a mocidade un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia e representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”, destacou a importancia de colaborar con este tipo de certames “que promoven o coñecemento das letras galegas e dos persoeiros máis destacados da nosa literatura”.

0.29329705238342