A Fundación RIA impulsará unha convocatoria para apoiar proxectos vinculados ás Fragas do Eume

As propostas que resulten seleccionadas recibirán apoio económico, acompañamento técnico durante o seu desenvolvemento e respaldo na difusión e comunicación das iniciativas
fragas-do-eume-encoro-da-ribeira
15 Aug 2026

A Fundación RIA lanzará nos vindeiros meses unha convocatoria aberta destinada a apoiar iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible das Fragas do Eume e da súa contorna. A iniciativa, que será presentada publicamente no mes de setembro, conta co respaldo da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) e busca promover proxectos orientados á acción que contribúan á conservación do parque natural, ao desenvolvemento local e á xestión sostible deste espazo protexido.

As propostas que resulten seleccionadas recibirán apoio económico, acompañamento técnico durante o seu desenvolvemento e respaldo na difusión e comunicación das iniciativas.

Esta convocatoria enmárcase nun proceso máis amplo de planificación estratéxica que a Fundación RIA está a desenvolver co obxectivo de favorecer a conservación activa das Fragas do Eume e fortalecer a súa relación coa comarca e coa comunidade local. O proxecto está baseado no traballo conxunto con administracións públicas, axentes do territorio, sectores produtivos e comunidade científica para identificar consensos e definir actuacións piloto que impulsen un modelo de desenvolvemento sostible dentro do marco normativo vixente.

Como resultado deste proceso estanse promovendo distintas liñas de actuación relacionadas coa mobilidade, a articulación territorial, a dinamización da actividade económica e produtiva e o impulso de iniciativas locais, entre as que se integra esta nova convocatoria.

O ámbito de actuación abranguerá os cinco municipios que forman parte do Parque Natural das Fragas do Eume: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez.

As iniciativas poderán centrarse en cuestións relacionadas coa arquitectura e a mobilidade, a recuperación e rehabilitación de espazos, infraestruturas e elementos patrimoniais, a actividade económica e produtiva, a transformación e comercialización de recursos locais, así como accións de divulgación, educación ambiental ou participación cidadá.

A Fundación RIA valorará especialmente aqueles proxectos que contribúan á conservación e á mellora da xestión do territorio, que reforcen o papel das Fragas do Eume como un recurso estratéxico para o desenvolvemento da comarca e que fomenten modelos de colaboración abertos entre os distintos axentes implicados.

Ademais do financiamento, os proxectos seleccionados contarán con asesoramento técnico para facilitar a súa execución e o acceso a novas oportunidades de financiamento, así como apoio na comunicación co obxectivo de incrementar a súa visibilidade e impacto no territorio.

0.32592487335205