A gripe mantense con intensidade media en Galicia pero tendencia decrecente

O último informe de actividade das infeccións respiratorias agudas da Dirección Xeral de Saúde Pública indica que as persoas maiores de 80 anos son as que presentan unhas maiores taxas de ingreso hospitalario
Gripe Galicia
27 Dec 2025

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 15 ao 21 de decembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia continúa con intensidade media e con tendencia decrecente. Segundo os datos recollidos polo servizo de vixilancia epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa se acadou o pico da onda epidémica da gripe.

Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 5 %.

Así, esta taxa sitúase en 103,7 consultas por cada 100.000 habitantes. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos (250,3 consultas por 100.000 habitantes), seguido do de 5 a 19 anos, con 155,4 consultas por 100.000 habitantes.

No que atinxe ás áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior en todas elas respecto da semana anterior.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 339 persoas con gripe confirmada, un 12,6 % menos que a pasada semana (387 ingresos).

O descenso da taxa de ingresos observouse en todos os grupos de idade, sendo moi significativo no grupo de 0 a 4 anos (77,7 %). O grupo de 80 e máis anos representa a taxa de ingresos máis elevada con 63,6 ingresos por 100.000 habitantes, se ben, esta diminuíu un 50 % respecto á semana 50.

Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos baixou en todas elas agás na de Santiago de Compostela, onde permaneceu estable, e na de Ourense, onde aumentou un 25,3 %.

No que vai de temporada da gripe notificáronse 2.426 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 9,6 % e un 5,1 %, respectivamente.

Malia tendencia decrecente, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.

En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.

⚙ Configurar cookies
0.23073220252991