A III Carreira e Andaina Camiños da Vía Verde reúne a máis de 800 participantes entre Ordes e Oroso

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle reuniu este sábado a máis de 800 persoas na terceira edición da Carreira e Andaina Camiños da Vía Verde, organizada pola Deputación da Coruña. A pesar da chuvia, corredores e camiñantes participaron nas distintas modalidades dunha cita deportiva que percorreu o antigo trazado ferroviario entre Ordes e Oroso.
A xornada comezou ás 9.45 horas coa saída da andaina de 5 quilómetros desde a estación de Garga-Trasmonte, en Oroso. A carreira de 10 quilómetros partiu ás 10.30 horas desde a estación de Ordes-A Pontraga, na parroquia da Parada, e rematou na antiga estación de Oroso-Vilacide.
O programa completouse con tres probas escolares de 2 quilómetros, 1 quilómetro e 400 metros, adaptadas ás distintas idades. Todos os participantes destas categorías recibiron unha medalla ao finalizar o percorrido.
A entrega de premios recoñeceu aos tres primeiros clasificados de cada proba, agás na de 400 metros, destinada aos máis pequenos e sen podio. Tamén se premiou aos tres clubs federados con maior participación na carreira de 10 quilómetros, que recibiron 300, 200 e 100 euros, respectivamente.
No acto participaron o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; os alcaldes de Oroso, Álex Doval; Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; Tordoia, E. Antonio Pereiro Liñares; e Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, así como a directora xeral de Pesca, Ánxeles Vázquez.
A terceira edición consolida esta cita no calendario deportivo galego e permite dar a coñecer a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, un percorrido que conserva parte da historia do antigo ferrocarril que conectaba Santiago e A Coruña.