A Lei da IA da Xunta é “xenérica e indeterminada” e só regula o uso desta tecnoloxía pola administración autonómica

Julio Abalde reclama unha nova redacción da norma que garanta ferramentas de protección fronte aos perigos éticos do uso da IA e medidas para impulsar e manter un sector tecnolóxico propio
Julio Abalde
16 Mar 2025

O parlamentario socialista Julio Abalde alertou hoxe de que a Lei de Intelixencia Artificial presentada pola Xunta é "xenérica e indeterminada" e supón unha "oportunidade perdida", xa que se limita a regular o uso desta tecnoloxía pola administración autonómica. Así o expresou no debate da lei en Comisión, onde os socialistas votaron en contra, aínda que a norma quedou pendente do debate final no Pleno co apoio en solitario do PP.

Unha lei sen medidas para protexer á sociedade

Abalde sinalou as "importantes carencias" do texto, que renuncia a incorporar mecanismos para protexer á sociedade dos riscos éticos derivados do uso inadecuado da IA, como a desinformación, o uso indebido en redes sociais, o ciberacoso ou a vulneración da intimidade persoal. Por iso, reclamou unha nova redacción da norma que concrete as medidas necesarias para fomentar un entorno de coñecemento e innovación en IA.

Falta de apoio ao sector tecnolóxico galego

O deputado socialista subliñou a necesidade de impulsar e manter un sector tecnolóxico propio, que desenvolva a súa actividade dende Galicia e reforce os mecanismos de atracción do talento. Neste sentido, advertiu que a lei ignora o papel fundamental do sector privado, cando as políticas públicas e os programas de investimento da Xunta deberían telo en conta como un axente clave para o desenvolvemento tecnolóxico.

Segundo Abalde, "a falta de ambición" da norma converte a lei nunha "simple regulación interna da administración para controlar o seu uso de plataformas de IA", deixando fóra aspectos cruciais como os dereitos dixitais, a supervisión ou as sancións en caso de incumprimento. Ademais, ao excluir as aplicacións de IA de uso xeral ou experimental, créase incerteza sobre o exercicio dos dereitos que recolle a norma.

A Xunta deixa fóra a AESIA e as plataformas de IA galegas

O parlamentario tamén criticou que a lei non recoñece o papel central da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, e que renuncia a establecer medidas para desenvolver plataformas de IA galegas que poidan servir de base para programadores e empresas tecnolóxicas locais.

⚙ Configurar cookies
0.072311162948608