A limpeza e conserxería dos colexios de Santiago irán á folga os días 1 e 2 de xuño

O comité de empresa de Lacera, concesionaria do servizo de limpeza e conserxería dos Centros de Ensino de Infantil e Primaria (CEIP), anunciou esta mañá, a convocatoria de folga, acordada en asemblea por unanimidade, e mobilizacións para os días 1 e 2 de xuño. O persoal recoñece substanciais melloras no novo contrato, pero acusa a empresa de negarse a aplicar as económicas.
En concreto, o representante da CIG e asesor do comité, Paulo Rubido, subliñou que a empresa se nega a aplicar melloras como o pagamento do plus salarial existente no resto de contratos municipais; o complemento do 100% das baixas por enfermidade común; o incremento de xornadas; a transformación dos contratos fixos descontinuos en indefinidos e a eliminación da parcialidade.
A este respecto, subliñou que Lacera xa está percibindo os importes correspondentes ao novo contrato, incluídas as cantidades destinadas a financiar estas melloras laborais. Porén considerou que “o que pretende a empresa é quedar cos cartos destinados a dignificar as condicións do cadro de persoal”.
Rubido asegurou que a representación sindical mesmo amosou disposición a negociar determinados aspectos organizativos, como a adaptación das xornadas ou a transformación dos contratos fixos descontinuos a partir de setembro, pero insistiu en que as melloras económicas “teñen que aplicarse desde o primeiro día”.
Segundo explicou, a situación laboral do persoal de servizo de limpeza e conserxería dos CEIP composteláns é de “precariedade extrema” por mor dun contrato que non se actualizaba desde o ano 2012. “Supérase o máximo de xornada diaria, non se cumpre o descanso semanal, solápase a compensación dos festivos coas vacacións do persoal, é o contrato con menores ingresos salariais, o que máis traballadoras ten a tempo parcial”, dixo, nun sector especialmente feminizado.
Desde hai ano e medio a representación sindical vén traballando en comunicación constante co Concello. “Trasladamos información e explicitamos todos os problemas existentes para abordar unha situación que para o persoal era practicamente insostíbel”.
Nese sentido, Rubido recoñeceu que o Concello afrontou a nova licitación dotándoa dunha partida económica que duplicaba a existente para poder solucionar a problemática laboral. “As peticións sindicais sempre foron moi claras: rematar coa precariedade, cumprir a legalidade vixente en materia de descansos, festivos e vacacións e homoxeneizar as condicións deste contrato co resto dos contratos da limpeza municipal”.
Por iso, trasladou o “forte malestar do persoal”, porque esas melloras “non poden quedar nun caixón” e pola negativa, tanto da empresa como do Concello, a abordar esta situación.
O representante da CIG advertiu, ademais, que o sindicato estudará acudir á Inspección de Traballo, diante da posibilidade de que a empresa estea realizando contratacións para substituír persoal durante as xornadas de folga. Unha situación que cualificou como “gravísima”.
Neste sentido, adiantou que as mobilizacións previstas durante eses días incluirán percorridos polas rúas de Compostela e accións informativas nos centros escolares, precisamente para comprobar se esas contratacións finalmente se produciron.
Xunto a isto, alertou de que, de non se producir avances e obrigar a empresa a cumprir “agora que hai cartos e hai contrato”, a asemblea de traballadoras e traballadores valorará ampliar as protestas durante o que resta de curso e mesmo iniciar o próximo curso escolar cunha folga indefinida.
Mobilizacións
-1 de xuño:
- De 8:30 a 9:30h. Visita informativa aos centros educativos
- 11:00h. Rondalla Porcona. Da Praza de Galiza á Praza do Obradoiro
- 2 de xuño:
- De 8:30 a 9:30h. Visita informativa aos centros educativos
- 11:00h. Rondalla Porcona. De San Caetano á Praza do Obradoiro.